Secundino García e Roberto Valverde diante dunhas primeiras antenas instaladas |
O acordo entre o Concello e Minotec ten como principal finalidade levar internet a aquelas zonas onde a actual rede sen fíos non dá chegado. Tal e como reza a publicidade da operadora galega “Se ves o ceo, tes internet”, posto que a nova modalidade de conexión usará como repetidor o satélite Ka-Sat de Eutelsat, o máis potente do mundo para comunicacións civís, lanzado ao Espazo en decembro pasado.
Os fogares e empresas que queiran contratar o servizo poderán elixir conexións que van desde os 6 até os 10 Mb, cun prezo de 39,90 euros máis ive para a tarifa básica. Grazas ao convenio suscrito entre o Concello de San Sadurniño e Minotec a instalación e os equipamentos -unha pequena antena parabólica e un emisor- serán gratuítos naqueles casos en que non exista posibilidade dunha ADSL ou dunha conexión fiable a través da rede Wimax municipal.
Para darse de alta e reservar unha antena haberá que chamar ao Concello (981 490 027) en horario de mañá ou ben a Minotec telefonando ao 900 866 956. A alta e a instalación gratuítas levan aparellada unha permanencia no servizo de 18 meses, a menos que o usuario desexe adquirir o equipo. Nese caso o prezo da alta, a parabólica, o enrutador e a instalación será de 399 euros máis ive.
Pioneiro en Galiza.
San Sadurniño convértese deste xeito no primeiro concello de Galiza no que se ofrece a contratación e a instalación gratuíta do servizo satelital de navegación pola rede. A sinatura do convenio de colaboración entre o organismo municipal e Minotec complementa o labor iniciado polo Concello no anterior mandato, cando se puxo en funcionamento o proxecto Wimax do que hoxe se benefician 356 fogares. Ademais, a conexión a través de satélite garantirá o acceso á rede de áreas illadas ás que até este momento non se lles podía ofrecer ningunha solución técnica viable.
Tal e como sinalan o Concello e a empresa de telecomunicacións, esta nova fase de ampliación da cobertura de internet contribuirá a que todos os veciños e veciñas entren en igualdade de condicións na Sociedade da Información e do Coñecemento.