5 jun 2013

Queremos poder de decisión para impulsar o desenvolvemento da comarca. Únete á folga do 12 de xuño!

A nosa comarca sofre os efectos das políticas neoliberais da UE executadas nos últimos anos polo o goberno do Estado e da Xunta. O seu resultado directo é un desemprego do 32% -10 puntos por riba da media galega – motivado polo peche de empresas e a aplicación da nova reforma laboral. Caldo de cultivo en definitiva para a emigración dunha mocidade preparada pero falta de expectativas, e para o incremento da pobreza e a exclusión social.
O noso potencial bate con decisións políticas que, como no caso do naval, levaron ao progresivo desmantelamento dun sector estratéxico da nosa economía. ASTANO permanece practicamente pechado polo inxusto veto europeo e Navantia Ferrol perdeu máis de 2000 empregos no último ano, mentres que en Europa hai estaleiros saturados de carga de traballo.
Detrás da liquidación do emerxente sector eólico tamén están decisións políticas que deben responder pola destrucción de máis de 1500 postos de traballo nos últimos cinco anos, obrigando ao peche de numerosas empresas e á deslocalización de outras.
O desemprego, o peche de empresas, a redución de salarios, o aumento dos impostos e a apropiación dos nosos aforros para rescatar a banca privada están a esmagar o consumo. As familias non gastan, afogadas como están pola crise. En consecuencia o comercio cae en picado e tanto o número de establecementos como a cifra de negocio volve na comarca aos niveis de hai quince anos.
Os gobernos do PP en Madrid e en Santiago tampouco crean as condicións necesarias para que as cousas cambien. Nin sequera no tocante ao mantemento ou mellora das infraestruturas que sustentan o sector primario. As rías da volta seguen sen depurar, o marisqueo non recibe o pulo que precisa como actividade estratéxica, as flotas pesqueiras redúcense en atención aos ditados europeos... e na terra as cousas non pintan mellor. A gandaría -sobre todo o vacún de leite- afronta un mercado liberalizado á mercede das grandes superficies comerciais; o mesmo que o forestal, cunha lei de montes ditada polas grandes madeireiras, máis interesadas na súa propia riqueza a curto prazo que no aproveitamento sustentábel dos bosques.
Non estamos diante dunha crise. Estamos perante un atraco planeado polos grandes poderes financieiros e executado con impunidade polos dous gobernos que nos toca sufrir. Todo para seguir incrementando as súas millonarias ganancias a costa do sacrificio das maiorías sociais.
Precisamos alternativas. E a primeira e fundamental pasa por termos a capacidade de decidir sobre os nosos asuntos: defender e promover os nosos sectores produtivos, crear emprego, defender os servizos públicos....Rescatar para nós a soberanía que nos roubaron os mercados.
Para o BNG a Folga Xeral do próximo 12 de xuño debe ser un paso adiante da comarca de cara a crear un movemento social que free as decisións e as políticas que nos negan o futuro. Cómpren cambios que nos permitan decidir, producir e traballar na nosa terra. De todas e todos nós depende.