5 nov 2011

Útil para Galiza, útil para a nosa comarca

A nosa comarca –Ferrolterra, Eume e Ortegal– foi obxecto de especial atención no traballo político e nas iniciativas do BNG no Congreso dos Deputados desde que o BNG ten representación, pero especialmente no período dos últimos catro anos.

Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que ningún problema relacionado cos sectores económicos da
nosa comarca, coas infraestruturas de comunicación –nomeadamente, a situación dos camiños de ferro–, coa situación do noso patrimonio cultural e histórico-artístico... estivo á marxe do importante traballo desenvolvido polo BNG, personalizado na figura de Francisco Jorquera.

Precisamente, o feito de estar vinculada esta comarca moi directamente con decisións do goberno central (veto á construción naval, decreto do carbón, abandono das infraestruturas de comunicación, retraso no saneamento da ría...) fixo que na axenda de traballo do BNG igurase sempre como prioridade a necesaria iscalización do labor do goberno do estado nesta temática pero, sobor de todo, a definición de iniciativas políticas dirixidas a cambiar o actual estado de cousas.

A presenza e o intenso traballo do BNG non só foi quen de desenmascarar aos representantes das forzas políticas estatais electos pola comarca á que traizoaron cos seus votos no Congreso e no Senado, senón que conseguiu tamén que o goberno do estado tivese que adoptar cambios en decisións políticas e mesmo en investimentos en infraestruturas, aínda que logo a materialización prática non fose tal pola falla de vontade política e o incumprimento das dedisións adoptadas en sede parlamentar.

Por iso é tan importante que agora, en momentos nos que se agrava a xa crítica situación socio-económica da nosa comarca, nos que a política neoliberal que practican PSOE no goberno do estado e PP na Xunta ameaza aos dereitos básicos, como o dereito ao traballo ou a uns servizos públicos dignos, nos que se condena a milleiros de mozas e mozos da comarca á emigracion, as mulleres e homes da comarca reforcemos o apoio activo á unica forza política que está, día a día, na defensa dos nosos intereses.

4 nov 2011

A única alternativa que te defende

Os medios teiman en vendernos que o 20N é cousa de dous. Corren tempos difíciles nos que os grandes partidos teñen demostrado que están ao servizo do grande capital máis que ao dos intereses da cidadanía. Cartos para a banca e desmantelamento do sistema financieiro galego, recurtes sociais no Estado e en Galiza, obstáculos inexplicábeis para o desenvolvemento da industria naval en Ferrolterra... xunto con centos de exemplos máis, conforman o despropósito ao que nos teñen acostumados PSOE e PP.

O BNG é alternativa, a única que defende os intereses de Galiza. O teu voto e o da xente do teu arredor é un voto útil.