8 ene 2015

En campaña

Estamos en campaña. Si, si, aínda que falten case seis meses para as eleccións municipais, xa estamos en campaña. Pero non nunha campaña na que os partidos da oposición nos presentan as súas alternativas para facelo tan ben ou mellor que o BNG, senón unha campaña de acoso e derribo de todo o que representa o traballo do BNG.
O PP e o PSOE xa se posicionaron. Parece que a súa estratexia será botar por terra estes últimos catro anos de intenso traballo nacionalista en San Sadurniño. De momento non se lles oe outra cousa que non sexa poñernos como a ruína do concello. Non é algo novo. O "van acabar con todo" levámolo oíndo oito anos. E mentres acabamos con todo... temos case todas as pistas amañadas, unha nova Casa do Concello, unha escola infantil lista para abrir, as persoas maiores ben atendidas, a xente pode participar nos asuntos públicos, temos ducias de actividades organizadas en colaboración cun tecido asociativo dinámico e vivo...
Igual é por iso que os dous fan oposición mirando máis por intereses particulares que polo interese de toda a veciñanza. O ata agora candidato dos socialistas leva varios plenos preguntando por como están as cousas coa cooperativa de San Sadurniño. Ten toda a información á súa disposición, pero a recorrencia coa que saca o tema nos plenos danos que pensar. ¿Cal será a razón de tanta insistencia? ¿Estará alguén do PSOE utilizando as siglas do partido para defender as súas comenencias valéndose do portavoz como amplificador?.
O PP tamén ten interese. O seu portavoz preguntou no pleno por este asunto do que tedes información ao final deste Embloque e sobre o que o Concello tamén mandou un comunicado a través do boletín Novas. Pero nese partido non se cortan en recoñecer que o seu é algo máis que “querer saber”. O flamante candidato popular publicou textualmente nas redes sociais: "na cooperativa estamos esperando os informes dos técnicos". Nós e calquera que saiba ler interpretámolo como unha implicación persoal nesta cuestión que leva a preguntarse por cal será a súa postura se sae elixido alcalde: ¿pagará o millón e medio de euros que piden os liquidadores?. ¿Será capaz de arruinar o Concello indo en contra do interese público e da veciñanza de San Sadurniño? e, se o fixese, ¿como o xustificaría diante da xente?. Andaremos e veremos.
O que non se lle pode negar ao candidato do PP é a súa habilidade para facerse notar e tersiverxar a realidade. Vímolo claramente cando se colocou na foto da reforma do convento do Rosario ben pegadiño ao presidente da Deputación coma se tivese algo que ver no asunto. Aínda non foron as eleccións, non ten a representatividade nin a lexitimidade que dan as urnas e xa se retrata inaugurando obras de forma oficiosa. Debe pensar que o carisma e o apoio da xente se conseguen facendo só iso, poñéndose para a foto. E a cousa non para aí. Nas redes sociais tamén o candidato larga trolas a mansalva como a de que o novo Concello custou tres millóns de euros, que o BNG votou en contra da herba artificial para o campo de fútbol de Corrás -unha trola deles que quedou en evidencia no último pleno-, que se en San Sadurniño é onde máis se paga de contribución urbana, que o Concello fai investimentos en propiedades privadas….
En fin..., esta é a oposición coa que nos tocará lidiar nos próximos meses. Aínda faltan nomes por darse a coñecer pero todos, dunha e doutra cor, comparten o odio ou o resentimento contra todo o que signifique BNG. Poucas propostas lles escoitaredes, só atacar ao bloque. Son libres de facelo, é o seu xeito de entender a política, pero nos tempos que corren cremos que lles fai falla traballar máis en positivo e exprimir algo a cabeciña para que dela saia algunha idea construtiva para todos e todas nós. Porque a cabeza, por se non o sabían, serve para algo máis que para poñer podre ao bloque desde detrás dos mostradores.