Finalmente haberá eleccións autonómicas o próximo 21 de outubro. Feijoo e a súa trouppe saldan así tres anos de estadía na Xunta cun balance desastroso. Na primeira época o seu argumentario político limitouse a culpar ao bipartito dos males de Galicia. Na segunda época as culpas levounas o goberno central do PSOE. E agora, con todo o estado tinguido de azul popular, xa non hai a quen botarlle as culpas. Nin sequera a escusa da crise global serve.
Quen votou polo PP fíxoo como castigo a Zapatero pero tamén confiando nas boas palabras e promesas de Rajoy de sacar o país do burato no que estaba. Lonxe diso, o burato é aínda máis grande e o estado aínda está máis ao fondo. Repagamento dos medicamentos e desmantelamento dos servizos públicos relacionados coa sanidade e o benestar, suba do ive, abaratamento do despedimento, conxelación salarial dos empregados públicos, estocada ás caixas sen que se depuren responsabilidades... e así ata un longo etcétera de efectos adversos provocados polo ultraliberalismo atroz do PP.
O que hai non é novo, vémolo todos os días. Os telediarios -mesmo os gobernamentais- son incapaces de ocultar que Galiza non avanza como nos prometeran, que aquí sobe o paro máis ca no resto do estado e que moitos mozos e mozas teñen que marchar para poder gañar o pan. E aínda pode ser peor. Iso Feijoo sábeo e esa é unha das razóns para adiantar as eleccións: tentar revalidar o apoio de hai tres anos antes de que a xente se desengane por completo.
Co que non conta Feijoo é con que a xente xa leva bastante tempo desenganada. De feito atrévome a dicir que a xente se desenganou pouco despois dos cen días de graza que se lle conceden a calquera goberno entrante. Daquela agardábase algún tipo de medida, de liña política, de proxecto... pero nada. Só "austeridade", "austeridade" e máis "austeridade" representada na bochornosa poxa dos famosos audis que ninguén quixo mercar. Austeridade e destrución do legado do bipartito -especialmente o do BNG- como foi o caso dun concurso eólico que promovía, por primeira vez, unha Galiza dona dos seus recursos enerxéticos. Iso queda atrás, a xustiza xa dixo que o concurso era legal e lexítimo e agora é de supoñer que a "cagada" de Feijoo e compañía nos vai custar a todos un bo pico en indemnizacións.
En resume, e centrándome, dentro de dous meses temos cita coas urnas. O mesmo día que en Euskadi, onde os sondeos aseguran unha caída de PP e PSOE mentres que sobe con forza o nacionalismo representado por BILDU e o PNV. Esa é, quizais, a segunda razón de convocar eleccións de forma tan acelerada. A estratexia de Feijoo de dar un pucheirazo reducindo a 61 os parlamentarios do Hórreo viuse truncada polo anuncio de eleccións en Euskadi. De feito, a convocatoria dos comicios vascos colleu o PP co paso cambiado e por iso a solución menos mala para eles é poñer as votacións o mesmo día, tentando limitar desta maneira un máis que seguro efecto contaxio e o tamén máis que seguro cambio.
Neste escenario hai que ver como se moven as forzas políticas galegas. O PPdeG, en claro retroceso motivado pola súa inoperancia e polo efecto colateral dos compromisos incumpridos de Rajoy; o PSdeG, sen ter claro aínda quen é o seu candidato; os grupos nacionalistas xurdidos nos últimos meses, rematando o seu proceso de organización interna...
¿E o BNG? Listo, ilusionado, cun candidato capaz e cun proxecto de goberno alternativo capaz de reactivar Galiza económica e socialmente, facéndoa espertar deste sono -que non soño- no que leva sumida os últimos tres anos. Hai crise. Unha crise que nin ti nin eu provocamos e, polo tanto, tampouco temos por que pagala. Véndesenos que "non hai cartos", "non se pode nestes momentos", etc., etc. Pero en San Sadurniño podes ver que se seguen facendo cousas desde o concello: apoiamos a cultura, mantense o servizo de axuda no fogar, fanse obras, límpanse as pistas... e todo cun concello que a día de hoxe ten 0 euros de débeda e que seguirá así a pesar da baixa das axudas doutras administracións. O BNG sabe gobernar e demóstrao. San Sadurniño é Galiza e Galiza pode ser coma San Sadurniño. Verémolo despois do 21 de outubro, un día que será de cambio grazas a ti.