20 abr 2011

Comezan as obras de restauración do Pazo da Marquesa de San Sadurniño

A empresa Guerreiro Somozas iniciou esta semana os traballos de reparación da cuberta do Pazo da Marquesa de San Sadurniño. Estas obras, para as que a Deputación provincial achega 117.000 euros, ocuparanse nas próximas semanas da restauración do tellado respectando ao máximo os elementos arquitectónicos orixinais. O Concello conta ademais con outros 500.000 euros comprometidos polo Ministerio de Cultura para esta anualidade a través dunha subvención nominativa que se asinará en breve. En total vanse investir algo máis de 617.000 euros na restauración da parte histórica do pazo, na que se teñen previsto ubicar as dependencias municipais.

O pazo da Marquesa de San Sadurniño xa parece outro, aínda que haxa tan só uns días que se empezou a traballar nel. A empresa encargada de rehabilitar a cuberta do edificio xa desmestou o xardín interior e retirou parte do tellado. Segundo as primeiras estimacións, o estado da madeira é bo agás naqueles lugares onde houbo filtracións de augas. Levamos unha grande sorpresa porque tanto nós como os técnicos pensabamos que a estrutura de madeira ía estar moi deteriorada. Logo de retirar as parte do tellado atopamos que a maior parte desa estrutura está en perfectas condicións.

Desde o Concello queremos que a rehabilitación do pazo sexa o máis fidel posible ao orixinal, por esta razón estase buscando reaproveitar todos os elementos que se poidan. O proxecto reflicte a necesidade de acometer as obras reutilizando o material existente sempre que sexa posible debido ao seu valor histórico. Madeiras nobles, trabes e mesmo tellas serán retiradas, saneadas e reutilizadas para garantir o respecto á antiga construción.

As obras teñen un prazo máximo de execución de seis meses. Os traballos son, na práctica, a primeira fase de rehabilitación do edificio, posto que xa se está tramitando un convenio de 500.000 euros co Ministerio de Cultura para desenvolver o resto da restauración da parte histórica. A documentación está nestes momentos en Madrid e agardamos suscribir o acordo nuns días de cara a poder contratar o proxecto e as obras antes do remate do ano.

O pazo pasou a ser de titulariedade municipal en novembro do ano pasado, logo da disolución da fundación relixiosa que xestionaba a herdanza da Marquesa de San Sadurniño. No goberno local traballamos na definición dos usos que vai ter o edificio antigo unha vez estea rehabilitado. Na parte histórica prevense ubicar as dependencias municipais, xa que o Concello actual está nun edificio -o convento do Rosario- que é propiedade da Igrexa. Porén,unha vez restaurado, o Pazo terá capacidade para albergar a sede do Concello, o arquivo e outros departamentos municipais. Ademais, a parte máis moderna tamén podería acoller outros servizos, como a Garda Civil, ou Correos... aínda que iso é algo que teremos que definir máis adiante.

13 abr 2011

Os medios empezan a caldear o ambiente

Intre da entrevista na sede da Cope
A Cope de Ferrol anda estes días entrevistando os candidatos dos distintos partidos ás alcaldías de toda a comarca. Este martes 12 de abril tocoulle a San Sadurniño. Aló fomos Márquez, Plácido e máis eu. Iso si, a emisora citounos a distintas horas para gravar entrevistas separadas con cada un de nós. As condicións, en teoría, foron as mesmas para todos: duración fixada de antemán de acordo co número de concelleiros que ten cada partido, temas parecidos en todas as entrevistas e nada de saber eses temas de antemán para levar máis ou menos preparadas as respostas para non aturullarse. Todo ben, o xornalismo rigoroso é así e non pode haber trato de favor para ninguén. A Cope elixiu esta fórmula en vez dun debate porque, segundo me explicaron, así garántese que todos poidamos aproveitar o tempo que temos asignado.

Falei cunha xornalista moi amable durante uns sete minutos e marchei. Ás sete e media puxen a radio para escoitar como me saíra a entrevista e, non o vou negar, tamén para escoitar atentamente o que dicían os outros candidatos.

Ao candidato do PSOE, cun só concelleiro, déronlle uns tres ou catro minutos para intervir. Tempo no que cualificou como moi positivos estes catro últimos anos e no que a xornalista lle deu a oportunidade de poñer de manifesto logros que, en esencia, foron executados polos concelleiros do BNG. En resume, o representante socialista falou pouco pero ben, sobre todo cando deu a entender que nas municipais a proximidade da xente ao alcalde é un factor ao seu favor durante uns comicios locais.

Tocoulle despois a quenda ao candidato do PP. Aí empecei a notar algo raro. Xa na primeira pregunta e antes de que a xornalista rematase a pregunta, o candidato popular empezou a contestar de forma algo atropelada malia ter diante papeis escritos coa resposta. Quero pensar que os papeis os levou el porque quixo ter unha guía con posibles respostas e non porque soubese as preguntas de antemán.

A entrevista non ten desperdicio polas cousas que o candidato tenta explicar e non consegue. Falou do polígono industrial indicando que "hai que poñelo en marcha". Eu puntualizaría que non hai que poñelo en marcha, o que ten que facer a Xunta é desbloquear o proxecto, meter máis cartos -este ano só 25.000 euros- e empezar a urbanizalo. O polígono púxose a andar xa en 2007 cando suscribimos o convenio coa Consellería de Vivenda e Solo do que resultou un proxecto licitado en 600.000 euros que a Xunta do PP ten gardado nun caixón desde o 2009. Ao candidato non lle tremeu a voz -e na entrevista aprézase o matiz- para dicir que o superdelegado Diego Calvo prometeu o polígono para cando o PP goberne. É dicir, parece que o futuro industrial do noso concello está supeditado ao partidismo popular. Inmediatamente despois de suxerir que o polígono só se fará se hai PP na alcaldía, o candidato decatouse de que estaba metendo a pata e apostillou "e aínda que non cheguemos a gobernar, me supoño que saquemos o polígono adiante". Esperemos que así sexa.

Outra cousa que me chamou a atención do que dixo o candidato popular foi que houbo unha empresa que tiña intención de crear 200 postos de traballo pero que "como estaba o Bloque, deulle para atrás". Máis que que estea o bloque, o que bota para atrás as empresas é a crise da que o goberno do Estado e o da Xunta non nos dan sacado e, unha vez máis, a falta do necesario chan industrial polo que seguimos agardando.

Logo falouse do corredor e, con moita razón, o candidato do PP dixo que se non se fixo aínda "non foi culpa do Concello". É verdade a culpa non é do Concello, é da Xunta, que leva xa dous anos de retraso con esta vía fundamental para o desenvolvemento da comarca.

Os nervios -quero crer- xogáronlle unha mala pasada ao candidato popular. Cando a xornalista lle preguntou polo seu programa de goberno en materia de turismo e cultura, Plácido foi tallante e dixo que a proposta popular é "instalar minidepuradoras" xa que, segundo dí, "se esta tirando o purín polas pistas". Oíndoo, parece que vivamos rodeados de xurro e en calquera caso, supoño que non entendeu a pregunta... porque minidepuradoras de auga residual para fomentar o turismo e a cultura non parece unha proposta demasiado viable. Aínda que, quen sabe que outras ideas novidosas coma estas terá o PP gardadas na manga.

En fin... mellor escoitar o programa enteiro e que a xente valore. Só unha última apreciación. Quedoume a pena de que a min non me fixesen preguntas do mesmo alcance local que as que lles lles formularon aos outros dous candidatos. O Decreto do Carbón e as súas repercusións son de interese para San Sadurniño, pero que Pepe Blanco veña ás Pontes non creo que sexa demasiado trascendente para nós. Tamén é importante o traballo en sostenibilidade que fixemos, pero non é o único: temos un concello aberto á xente, participativo, saneado económicamente, cos mellores servizos sociais de toda a volta, etc... Cuestións polas que a Cope non me preguntou. Son cousas do xornalismo de actualidade.


11 abr 2011

San Sadurniño contará cun colmear didáctico para promover o coñecemento do mundo das abellas

Intre da sinatura do convenio coa AGA
Hai uns días asinamos  un convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Galega de Apicultura para o establecemento dun colmear didáctico en San Sadurniño. A instalación terá cinco colmeas e estará situada na leira de conservación de froiteiras autóctonas. O colmear, ao que só lle faltan os enxames, será o punto de referenza dos cursos para escolares e adultos que a AGA ten xa programados en colaboración co Concello.

Tal e como sinalou o representante da AGA, Rafael Díaz, o obxectivo primordial do proxecto é “ensinar, sobre todo aos rapaces, o importante labor que desenvolven as abellas nos ecosistemas e tamén incentivar o seu interese polo mundo da apicultura”.

Entre os obxectivos comúns recollidos no convenio destacan o de mostrar cada un dos aspectos físicos e biolóxicos das abellas, achegarlle á xente en que consiste o oficio de apicultor, difundir a apicultura mediante visitas organizadas ás instalacións e realizar prácticas con persoas sen experiencia na materia e que sexan amantes da natureza. De feito, o Concello e mais AGA xa convocaron un curso de iniciación á apicultura para o que se ofertan 20 prazas e ao que se pode acceder inscribíndose no concello. Ademais, esta entidade tamén ten previsto facer o mesmo cos alumnos de secundaria do CPI de San Sadurniño dentro do convenio asinado recentemente entre a ANPA e o Concello.

O acordo suscrito coa Asociación Galega de Apicultura vén sumarse ao traballo levado a cabo na zona do Arboredo Autóctono e da Horta de Conservación de Froiteiras, posto que as abellas son un complemento perfecto para o desenvolvemento natural destas áreas situadas preto do río Xubia. O Concello xa construiu unha estrutura que albergará cinco colmeas e que a zona “está debidamente protexida e afastada do río para que calquera poida camiñar polo paseo fluvial ou polo arboredo autóctono sen ningún tipo de problema”.

A Asociación Galega de Apicultura prevé instalar en breve o colmear e iniciar de inmediato a súa actividade nas instalacións cedidas polo Concello. Esta asociación achegará todo o material de protección e de traballo que se empregue nas visitas e nos cursos que se impartan no apiario. Ademais, toda a produción anual de mel seralle entregada ao departamento de Servizos Sociais para que a distribúa entre as familias máis necesitadas do concello.

8 abr 2011

Ferrolterra, crise ou decisións políticas?

Manifestación en Ferrol en contra do decreto do carbón
O compañeiro das Pontes Fernando Branco analisa na revista dixital Terra e tempo a histórica desidia de PSOE e PP no goberno do Estado e da Xunta coa nosa comarca. De forma sinxela e accesíbel, o amigo Nandi repasa algúns exemplos do desmantelamento por parte de PSOE e PP do noso tecido industrial e deixa entrever que o paro que nos azouta ten solución mantendo políticas de País e que non todo se lle pode achacar á crise.

Son de sobra coñecidas as cifras de paro que padecemos na nosa Comarca e, tamén, a perda de poboación, en catro anos vai significar un 8% menos no electorado a respecto das anteriores eleccións.

Hai interese en presentar esta situación como algo normal, produto da crise económica, porén, esa desculpa só serve para diluír responsabilidades, cando na nosa comarca vimos padecendo decisións políticas moi concretas, que teñen pai e nai, e que agravan de xeito determinante os efectos que podería producir a crise xeneralizada.

No haber do Goberno do Estado debemos enumerar o veto á construción naval civil, a falta da normativa legal que dote dunha cota as empresas de biodiésel, o decreto do carbón que pende como unha espada de Damocles sobre o noso futuro e, tamén, o reiterado incumprimento nos prazos para o saneamento da Ría (algo que xa anunciaba Fraga para o ano 1995).

Por se non nos chegase co Goberno do Estado, desde a Xunta de Galiza decidiuse derrogar o Concurso Eólico do Bipartito, que supuxo a perda directa de centos de postos de traballo en Mugardos, Fene, As Pontes e As Somozas; e na resolución do Concurso de Centrais de Biomasa, rexeitouse unha opción na nosa comarca a pesares de acadar máis puntos que algún dos aprobados.

Iso si, ámbalas dúas administracións son moi solidarias no retraso das infraestruturas, tanto no que ten a ver co ferrocarril, corredor da costa, solo industrial, etc.

Para edulcorar estas decisións, ou máis ben para facermos trampas ao solitario, somos o paradigma de diferentes plans industriais, cos que levamos case trinta anos e, ao noso pesar, non son quen diversificarnos; pasado o tempo, seguimos sendo nós mesmos, cada vez menos, máis avellentados e con máis paro.

Tan interiorizado temos este proceso, que vemos con normalidade como as forzas políticas estatais votan, sobre o mesmo tema, unha cousa aquí e outra diferente en Madrid, din que polo interese xeral, no que semella nós nunca temos sorte, seica non formamos parte del.

De feito, como aporte autóctono, alentamos a representantes políticos e sindicais que nos explican esta situación con total naturalidade; de xurdir algunha discrepancia, a resposta é de manual,  os nacionalistas son egoístas e fáltalles unha visión global; por exemplo, é normal que o Goberno Central encargue cinco buques a Navantia Cádiz e ningún a Navantia Ferrol, nós xa estamos afeitos!

Podemos seguir pensando que a situación laboral da Comarca é produto da crise, só da crise?