A empresa Guerreiro Somozas iniciou esta semana os traballos de reparación da cuberta do Pazo da Marquesa de San Sadurniño. Estas obras, para as que a Deputación provincial achega 117.000 euros, ocuparanse nas próximas semanas da restauración do tellado respectando ao máximo os elementos arquitectónicos orixinais. O Concello conta ademais con outros 500.000 euros comprometidos polo Ministerio de Cultura para esta anualidade a través dunha subvención nominativa que se asinará en breve. En total vanse investir algo máis de 617.000 euros na restauración da parte histórica do pazo, na que se teñen previsto ubicar as dependencias municipais. |
O pazo da Marquesa de San Sadurniño xa parece outro, aínda que haxa tan só uns días que se empezou a traballar nel. A empresa encargada de rehabilitar a cuberta do edificio xa desmestou o xardín interior e retirou parte do tellado. Segundo as primeiras estimacións, o estado da madeira é bo agás naqueles lugares onde houbo filtracións de augas. Levamos unha grande sorpresa porque tanto nós como os técnicos pensabamos que a estrutura de madeira ía estar moi deteriorada. Logo de retirar as parte do tellado atopamos que a maior parte desa estrutura está en perfectas condicións.
Desde o Concello queremos que a rehabilitación do pazo sexa o máis fidel posible ao orixinal, por esta razón estase buscando reaproveitar todos os elementos que se poidan. O proxecto reflicte a necesidade de acometer as obras reutilizando o material existente sempre que sexa posible debido ao seu valor histórico. Madeiras nobles, trabes e mesmo tellas serán retiradas, saneadas e reutilizadas para garantir o respecto á antiga construción.
As obras teñen un prazo máximo de execución de seis meses. Os traballos son, na práctica, a primeira fase de rehabilitación do edificio, posto que xa se está tramitando un convenio de 500.000 euros co Ministerio de Cultura para desenvolver o resto da restauración da parte histórica. A documentación está nestes momentos en Madrid e agardamos suscribir o acordo nuns días de cara a poder contratar o proxecto e as obras antes do remate do ano.
O pazo pasou a ser de titulariedade municipal en novembro do ano pasado, logo da disolución da fundación relixiosa que xestionaba a herdanza da Marquesa de San Sadurniño. No goberno local traballamos na definición dos usos que vai ter o edificio antigo unha vez estea rehabilitado. Na parte histórica prevense ubicar as dependencias municipais, xa que o Concello actual está nun edificio -o convento do Rosario- que é propiedade da Igrexa. Porén,unha vez restaurado, o Pazo terá capacidade para albergar a sede do Concello, o arquivo e outros departamentos municipais. Ademais, a parte máis moderna tamén podería acoller outros servizos, como a Garda Civil, ou Correos... aínda que iso é algo que teremos que definir máis adiante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario