25 may 2012


As contas municipais que acaban de entrar en vigor ascenden  a 2.713.000 euros

O orzamento deste ano mantén os servizos malia os recortes do goberno de Rajoy e a baixada das axudas do goberno de Feijoo
Para 2012 preparamos un orzamento municipal que busca manter e mesmo incrementar a calidade dos servizos que se lle prestan á xente. A mellora na atención cidadá e nas dotacións de infraestruturas é unha constante desde a chegada do BNG ao goberno municipal que agora bate de fronte coa “austeridade” imposta polos gobernos estatal e autonómico. O Concello ten unha boa saúde económica, recoñecida incluso por un informe da Deputación Provincial que pon o noso concello como exemplo de xestión. Este ano contamos cun orzamento municipal que ascende a 2,7 millóns de euros, un 21% menos que en 2011. Con todo, mantéñense os servizos nun contexto en que a normativa estatal impide acudir ao crédito e incrementar persoal aínda que, como no caso de San Sadurniño, se dispoña de recursos para facelo.

Do orzamento municipal para 2012 cómpre destacar "o maior esforzo na xestión dos recursos sen que isto supoña unha baixada na calidade dos servizos”, tal e como sinala Suso Soto. O concelleiro de Facenda asegura que as contas deste ano “manteñen o nivel de prestacións á cidadanía como son o servizo de axuda no fogar, as bolsas de estudos e incluso as transferencias a familias e entidades sen fins de lucro, que se incrementan nun 2,25% con respecto ao 2011”.

2.713.000 euros. Esa é a cantidade de ingresos e tamén a de gastos que cómpre facer cadrar. Unha cifra un 21% inferior á do ano pasado debido a que neste orzamento xa non se computan os 500.000 euros que o Estado lle transferiu en 2011 ao Concello para as obras do Pazo da Marquesa.

Para todas as administracións públicas locais,  os orzamentos deste ano están condicionados polo mandato constitucional do teito de gasto das administracións públicas que impide por lei o endebedamento municipal naqueles casos en que ao Estado Español non lle interese. “San Sadurniño vai sufrir nas súas carnes esta intervención estatal na autonomía municipal e a pesares de contar cunha economía saneada grazas a unha xestión louvada nun informe economico financeiro da Deputación –incluso saldando o ‘pufo’ en forma de crédito de 300.000 euros que nos deixou o goberno de Bedoya en 2007-. Teremos que facer un grande esforzo para cumprir co tan cacarexado obxectivo da estabilidade orzamentaria ao que nos obrigan as normas estatais. Aínda así a nosa situación económica é boa e poderiamos facer un esforzo inversor moito maior se non fose porque tanto a Xunta como o Estado baixaron as súas achegas aos concellos coa escusa da manida ‘austeridade” ”, explica Soto.

O nivel de ingresos municipais só se ve compensado pola subida da contribución decretada a finais de ano polo goberno de Rajoy.  No mes de decembro pasado o PP quitoulles aos concellos a posibilidade de marcar as subas do IBI, de xeito que foi o goberno popular quen estableceu desde Madrid canto debe subir a contribución. No noso caso a suba será dun 10%, pero hai concellos onde este incremento pode chegar a un 60%.

O BNG está en contra de que suba a contribución xa que é unha mostra máis de como o PP quere salvar as contas do estado a base de afogar aos contribuíntes mentres, entre outras cousas, enche de cartos o peto dos bancos. Un posicionamento político que tamén se reflectiu no último pleno municipal, no que o PP local votou en solitario a favor da modificación da ordenanza municipal que sobe do imposto de bens inmobles. “De algún lado hai que sacar os cartos para a reducción do déficit público” foi o argumento empregado polo voceiro popular, Plácido López, para xustificar o voto favorable do seu grupo.

O contexto socioeconómico é de crise e, mentres a Xunta escenifica fusións de concellos como medida de aforro, desde San Sadurniño avógase porque o goberno autonómico asuma os seus compromisos como, por exemplo, o mantemento do centro de saúde do que nestes momentos se ten que facer cargo o Concello con recursos propios. As fusións son unha cortina de fume para desviar a atención do que realmente importa. Non é necesario fusionar, os concellos teñen que racionalizar, aforrar onde haxa que aforrar e investir onde hai que investir. E a Xunta debe asumir os custes de servizos que son da súa competencia en vez de descargalos sobre os concellos. Ademais, San Sadurniño mantén contactos con concellos limítrofes para compartir servizos de xeito que os organismos municipais poidan reducir custes sen ter que renunciar á súa autonomía.


Para o equipo de goberno nacionalista de San Sadurniño, os orzamentos de 2012 son “realistas e axeitados ao momento no que nos atopamos”. A base de xestión redúcese o gasto corrente nun 10% “mediante a racionalización de recursos e as medidas de aforro, sobre todo de enerxía a pesar do que sobe a luz”, indica Suso Soto. Neste ano mantéñense nos mesmos niveis os custes de persoal e faise un importante esforzo en investimentos en infraestruturas viarias con cargo a planes como o POS ou o PEIM.

No hay comentarios:

Publicar un comentario