5 jun 2013

Queremos poder de decisión para impulsar o desenvolvemento da comarca. Únete á folga do 12 de xuño!

A nosa comarca sofre os efectos das políticas neoliberais da UE executadas nos últimos anos polo o goberno do Estado e da Xunta. O seu resultado directo é un desemprego do 32% -10 puntos por riba da media galega – motivado polo peche de empresas e a aplicación da nova reforma laboral. Caldo de cultivo en definitiva para a emigración dunha mocidade preparada pero falta de expectativas, e para o incremento da pobreza e a exclusión social.
O noso potencial bate con decisións políticas que, como no caso do naval, levaron ao progresivo desmantelamento dun sector estratéxico da nosa economía. ASTANO permanece practicamente pechado polo inxusto veto europeo e Navantia Ferrol perdeu máis de 2000 empregos no último ano, mentres que en Europa hai estaleiros saturados de carga de traballo.
Detrás da liquidación do emerxente sector eólico tamén están decisións políticas que deben responder pola destrucción de máis de 1500 postos de traballo nos últimos cinco anos, obrigando ao peche de numerosas empresas e á deslocalización de outras.
O desemprego, o peche de empresas, a redución de salarios, o aumento dos impostos e a apropiación dos nosos aforros para rescatar a banca privada están a esmagar o consumo. As familias non gastan, afogadas como están pola crise. En consecuencia o comercio cae en picado e tanto o número de establecementos como a cifra de negocio volve na comarca aos niveis de hai quince anos.
Os gobernos do PP en Madrid e en Santiago tampouco crean as condicións necesarias para que as cousas cambien. Nin sequera no tocante ao mantemento ou mellora das infraestruturas que sustentan o sector primario. As rías da volta seguen sen depurar, o marisqueo non recibe o pulo que precisa como actividade estratéxica, as flotas pesqueiras redúcense en atención aos ditados europeos... e na terra as cousas non pintan mellor. A gandaría -sobre todo o vacún de leite- afronta un mercado liberalizado á mercede das grandes superficies comerciais; o mesmo que o forestal, cunha lei de montes ditada polas grandes madeireiras, máis interesadas na súa propia riqueza a curto prazo que no aproveitamento sustentábel dos bosques.
Non estamos diante dunha crise. Estamos perante un atraco planeado polos grandes poderes financieiros e executado con impunidade polos dous gobernos que nos toca sufrir. Todo para seguir incrementando as súas millonarias ganancias a costa do sacrificio das maiorías sociais.
Precisamos alternativas. E a primeira e fundamental pasa por termos a capacidade de decidir sobre os nosos asuntos: defender e promover os nosos sectores produtivos, crear emprego, defender os servizos públicos....Rescatar para nós a soberanía que nos roubaron os mercados.
Para o BNG a Folga Xeral do próximo 12 de xuño debe ser un paso adiante da comarca de cara a crear un movemento social que free as decisións e as políticas que nos negan o futuro. Cómpren cambios que nos permitan decidir, producir e traballar na nosa terra. De todas e todos nós depende.


19 abr 2013

O BNG de San Sadurniño presenta tres mocións para debatilas no pleno de maio

Todos os grupos da oposición están en contra da reforma local do PP

O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello, Xesús Soto, rexistrou este 18 de abril tres mocións que se incorporarán á orde do día do pleno ordinario do próximo mes de maio. Na primeira delas o Bloque solicita que a corporación adopte a postura de reprobar os 15 deputados e deputadas galegas do PP que votaron a favor da quitación das participacións preferentes e subordinadas. A segunda moción esixe a retirada do anteproxecto de lei da reforma local deseñada polo goberno estatal, mentres que o terceiro documento que se levará a pleno busca que a Xunta non implante un novo copagamento nos comedores escolares.

As mocións presentadas debateranse do pleno ordinario do 4 de maio. Na primeira delas -a referida ao asunto da quitación por mor das preferentes e subordinadas- acúsase ao goberno de Mariano Rajoy de desenvolver estritas políticas en beneficio da banca e en detrimento dos milleiros de persoas estafadas con estes produtos financeiros.

O escrito critica duramente a actitude dos deputados galegos do PP que, malia ser o noso país o máis afectado, apoiaron como mellor solución as quitacións abusivas e o canxe por accións que en ningún caso lles permitirán aos aforradores estafados recuperar os seus cartos. O montante total cífrase en 600 millóns de euros "que emigrarán fóra do noso país en canto se consume este roubo individual ás persoas directamente afectadas e a Galiza no seu conxunto". A moción rexeita estas políticas e solicita que se declare como persoas non gratas en San Sadurniño a Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan de Dios, Joaquín García, Jaime de Olano, Olga Iglesias, Celso Delgado, Guillermo Collarte, Ana Belén Vázquez, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago, Telmo Martín e Marta González Vázquez, como corresponsables na "legalización desta estafa".

Copagamento dos comedores
O BNG tamén rexistrou unha moción na que se solicita o apoio da corporación para instar á Xunta de Galicia para que non se aplique un novo copagamento nos comedores escolares. "Un novo recorte no dereito á educación [...] que carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo", tal e como reflicte a exposición de motivos na que tamén se critica que esta decisión se tome mentres se destinan 240 millóns de subvención ao ensino concertado máis outros 3 millóns a centros que segregan ao alumnado por razón de xénero.

Por esta razón, o BNG de San Sadurniño solicita que non se estableza o copagamento dos comedores, que se garanta un servizo de calidade e que se amplíe a súa gratuidade para o alumnado de infantil e primaria con poucos recursos.

Contra do anteproxecto de lei da reforma local
Por último, o Bloque Nacionalista Galego tamén someterá á valoración plenaria a solicitude de que se retire o anteproxecto de lei da reforma local. Un articulado que a xuízo do BNG implica un ríxido límite á autonomía local que, ademais, sitúa a contención do gasto público por riba da atención ás necesidades sociais da cidadanía. Apunta o BNG que baixo o eufemismo de "evitar dualidades" escóndese unha tendencia recentralizadora que atenta contra a autonomía municipal e que lle dá maior protagonismo ás deputacións, os entes "máis prescindíbeis do entramado insitucional actual".

A lei crea, ademais, mecanismos intervencionistas cos que o Estado busca exercer un maior control sobre os concellos, especialmente sobre aqueles que queiran desenvolver políticas alternativas ao sistema neoliberal imperante.

A moción que se leva ao pleno incide en que se inste ao goberno estatal para retirar o anteproxecto de lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración local. Ademais tamén se solicita unha reforma constitucional que suprima as deputacións provinciais e que a reforma do rexime local se centre en darlles máis competencias ás comunidades autónomas para que cada unha adapte a regulación dos municipios á súa realidade territorial. Xunto con estes puntos, o BNG tamén busca o apoio plenario para solicitarlle ao goberno un plan de financiamento para os concellos que lles permita custear servizos públicos locais e tamén que o acordo alcanzado no pleno se lle remita ao presidente da Xunta, ao do Goberno do Estado, ao Parlamento galego, ao Congreso e o Senado e, por último, á FEGAMP e a FEMP.

3 abr 2013

O BNG de Ferrolterra renova o seu Consello Comarcal


O Consello Comarcal resultou elixido por unanimidade
Uns 150 militantes déronlle este mércores 3 de abril o visto e prace á única candidatura presentada para conformar o Consello Comarcal do BNG de Ferrolterra. Reunidos en asemblea no centro cívico de Caranza expresamos o noso apoio total a unha lista formada por 20 nomes máis outros 6 suplentes encabezada por Mercedes Tobío, quen repite como voceira comarcal.

Durante a asemblea quedaron patentes os retos organizativos aos que nos enfrontamos desde o Bloque nun contexto de crise socioeconómica e tras vivir  fondos e convulsos cambios nos últimos tempos.

Entre eles destacan a necesidade de reactivar a presenza do BNG en todo o tecido social das localidades recuperando ao mesmo tempo a capacidade de coordinación entre elas.

Ademais tamén marcamos como obxectivo prioritario continuar espallando propostas vinculadas á realidade comarcal en permanente contacto coa cidadanía.

Retos que son compromisos para o novo Consello Comarcal, formado polos seguintes nomes que, do posto 1 ao 9 constitúen, ademais, a Executiva:
  1. Mercedes Tobío
  2. Manuel Polo
  3. Ana González
  4. Secundino García
  5. Manrola Mosqueira
  6. Xesús Sánchez
  7. Eva Guerreiro
  8. Xesús Soto
  9. Elena Díaz
  10. Manuel R. Doval
  11. Andrea Pardo
  12. Francisco da Silva
  13. Inés Roca
  14. Fernando Igrexas
  15. Susana Senra
  16. Iván Rivas
  17. Marga Leirachá
  18. Manuel Rei
  19. Carmen Castro
  20. Xabier Sánchez
Suplentes:
Elia Rico
Anxo Fernández
Teresa Sabio
Fernando Branco
Rocío Trastoi
Marcos Sánchez