19 abr 2013

O BNG de San Sadurniño presenta tres mocións para debatilas no pleno de maio

Todos os grupos da oposición están en contra da reforma local do PP

O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello, Xesús Soto, rexistrou este 18 de abril tres mocións que se incorporarán á orde do día do pleno ordinario do próximo mes de maio. Na primeira delas o Bloque solicita que a corporación adopte a postura de reprobar os 15 deputados e deputadas galegas do PP que votaron a favor da quitación das participacións preferentes e subordinadas. A segunda moción esixe a retirada do anteproxecto de lei da reforma local deseñada polo goberno estatal, mentres que o terceiro documento que se levará a pleno busca que a Xunta non implante un novo copagamento nos comedores escolares.

As mocións presentadas debateranse do pleno ordinario do 4 de maio. Na primeira delas -a referida ao asunto da quitación por mor das preferentes e subordinadas- acúsase ao goberno de Mariano Rajoy de desenvolver estritas políticas en beneficio da banca e en detrimento dos milleiros de persoas estafadas con estes produtos financeiros.

O escrito critica duramente a actitude dos deputados galegos do PP que, malia ser o noso país o máis afectado, apoiaron como mellor solución as quitacións abusivas e o canxe por accións que en ningún caso lles permitirán aos aforradores estafados recuperar os seus cartos. O montante total cífrase en 600 millóns de euros "que emigrarán fóra do noso país en canto se consume este roubo individual ás persoas directamente afectadas e a Galiza no seu conxunto". A moción rexeita estas políticas e solicita que se declare como persoas non gratas en San Sadurniño a Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan de Dios, Joaquín García, Jaime de Olano, Olga Iglesias, Celso Delgado, Guillermo Collarte, Ana Belén Vázquez, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago, Telmo Martín e Marta González Vázquez, como corresponsables na "legalización desta estafa".

Copagamento dos comedores
O BNG tamén rexistrou unha moción na que se solicita o apoio da corporación para instar á Xunta de Galicia para que non se aplique un novo copagamento nos comedores escolares. "Un novo recorte no dereito á educación [...] que carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo", tal e como reflicte a exposición de motivos na que tamén se critica que esta decisión se tome mentres se destinan 240 millóns de subvención ao ensino concertado máis outros 3 millóns a centros que segregan ao alumnado por razón de xénero.

Por esta razón, o BNG de San Sadurniño solicita que non se estableza o copagamento dos comedores, que se garanta un servizo de calidade e que se amplíe a súa gratuidade para o alumnado de infantil e primaria con poucos recursos.

Contra do anteproxecto de lei da reforma local
Por último, o Bloque Nacionalista Galego tamén someterá á valoración plenaria a solicitude de que se retire o anteproxecto de lei da reforma local. Un articulado que a xuízo do BNG implica un ríxido límite á autonomía local que, ademais, sitúa a contención do gasto público por riba da atención ás necesidades sociais da cidadanía. Apunta o BNG que baixo o eufemismo de "evitar dualidades" escóndese unha tendencia recentralizadora que atenta contra a autonomía municipal e que lle dá maior protagonismo ás deputacións, os entes "máis prescindíbeis do entramado insitucional actual".

A lei crea, ademais, mecanismos intervencionistas cos que o Estado busca exercer un maior control sobre os concellos, especialmente sobre aqueles que queiran desenvolver políticas alternativas ao sistema neoliberal imperante.

A moción que se leva ao pleno incide en que se inste ao goberno estatal para retirar o anteproxecto de lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración local. Ademais tamén se solicita unha reforma constitucional que suprima as deputacións provinciais e que a reforma do rexime local se centre en darlles máis competencias ás comunidades autónomas para que cada unha adapte a regulación dos municipios á súa realidade territorial. Xunto con estes puntos, o BNG tamén busca o apoio plenario para solicitarlle ao goberno un plan de financiamento para os concellos que lles permita custear servizos públicos locais e tamén que o acordo alcanzado no pleno se lle remita ao presidente da Xunta, ao do Goberno do Estado, ao Parlamento galego, ao Congreso e o Senado e, por último, á FEGAMP e a FEMP.

No hay comentarios:

Publicar un comentario