24 abr 2015

O sainete preelectoral

Teatrillo montado pola Deputación para asinar o convenio
do campo de fútbol e, de paso, promocionar o candidato do PP
Sabiamos que o PP e o PSOE son practicamente o mesmo, pero tiñamos a esperanza de que a nivel local houbese algunha diferenza e que ambos marcasen distancias entre si ou que empezasen a facer algunha proposta construtiva para todos e todas nós. De momento nada de nada. Da súa postura con respecto ao futuro de San Sadurniño só sabemos o que vemos en internet e o que hai só mostra sectarismo e rexeitamento contra o proxecto nacionalista.

As redes sociais e os boletíns publicados pola oposición foron nas últimas semanas o tapete no que se están poñendo as cartas cara arriba e semella que a partida das próximas eleccións se vai xogar a tres con PP-PSOE formando parella. Hai sintonía total: as trolas e barrabasadas que din uns no facebook son aplaudidas e comentadas profusamente polos outros, os candidatos búscanse para sentar nos plenos un a carón do outro e vímolos facendo corrillo para saír na foto do trasnoitado e vergoñento teatrillo armado polo gabinete de Diego Calvo para escenificar a sinatura do convenio do campo de fútbol. Ningún garda nin en público nin en privado que o único que os move é botar ao bloque do Concello a toda costa. Fraca motivación para quen se presentan a unhas eleccións.

Éche o que hai, como se acostuma dicir. O BNG decatouse hai tempo e os veciños e veciñas de San Sadurniño por sorte tamén se están dando conta desa cordialidade interesada que nada ten que ver coa mellora do concello, senón cun simple “quitemos a éstos para ponernos nosotros y después ya veremos qué hacemos”. E para iso válelles todo.

O PP tira pola demagoxia, a mentira e o ataque sen paliativos a calquera persoa que mostre algunha afección polo que representa o BNG. Na dereita local usan a técnica da man de ferro en guante de terciopelo. Primeiro descalifican e sementan infundios e depois poñen cara de non ter roto nunca un prato, cos ollos afogados en bágoas para apelar á compaixón da audiencia virtual montando un auténtico melodrama. “Los del Bloque son unos demonios!… Me quieren hundir!… Me vetan!… Secundino es un dictador!… Todo San Saturnino tiene miedo!… Hai que echarlos a todos del ayuntamiento!” son frases que ben poderían formar parte deste sainete traxicómico que levan representando varias semanas.

Fixádevos ata que punto chegan as cousas que o candidato popular asegurou en facebook que “estando no público” dun pleno recibiu “insultos e empuxóns”. Incrible. Se fose verdade debería denunciar tal agresión e se fose verdade seguro que a había denunciar con toda a razón do mundo. Se fose verdade… porque nos plenos hai público, grávanse e cólganse enteiros en internet desde o ano pasado e en ningún deles se oe semellante cousa.

Sendo así espérannos unhas semanas movidas e cun terreo de xogo enlamado no que o BNG non se vai meter. Exporemos as nosas ideas e proxectos para San Sadurniño, igual que fixemos sempre. Desta vez a nosa candidatura denomínase BNG-Asembleas abertas porque, máis que nunca, fai falla a colaboración de todas e todos para continuar facendo de San Sadurniño un concello distinto onde calquera pode formar parte dun proxecto ilusionante, incluso quen nos dá leña sen motivo.

1 abr 2015

Xa temos aprobada a lista coa que concorremos ás eleccións de maio

A asemblea aberta do BNG reunímonos en Igrexafeita hai dúas semanas para aprobar a composición da lista electoral para as eleccións municipais do próximo mes de maio. Somos 21 nomes procedentes das sete parroquias do municipio e cunha paridade de xénero case total dentro do que permite o número (10 mulleres e 11 homes). Xente con ganas de traballar desde o Concello na procura dun novo modelo que lle volva ás persoas os dereitos, as liberdades e a soberanía sobre o seu futuro que lles foi arrebatada polo bipartidismo nos últimos anos.

Trátase dunha candidatura con oito novas incorporacións con respecto á de 2011 e na que se mestura a experiencia na xestión municipal co pulo e as ideas frescas da mocidade. Entre todos e todas confiamos  en revalidar unha maioría suficiente para continuar transformando San Sadurniño. 

O BNG-Asembleas Abertas organizou nos últimos meses varios encontros coa veciñanza co obxectivo de sumar propostas e puntos de vista a partir dos que construír o programa co que se presentará ás eleccións de maio. Temos practicamente listas as liñas estratéxicas do programa electoral, ao que calquera persoa pode facer achegas que se incorporarán ao documento definitivo. 

Podedes darnos ideas no  facebook da agrupación local, a través da web www.bng.gal/sansadurninho, ou contárnolas persoalmente en calquera momento.  Participade con total liberdade e coa coa garantía de que se terán en conta todas as propostas. 

Para estas eleccións o BNG non vai facer envíos de propaganda electoral nin tampouco dos sobres coas papeletas. Segundo os cálculos do Bloque, se todos os partidos adoptasen a mesma postura poderían aforrárselle ao Estado 2 millóns de euros só en Galicia. San Sadurniño sabe de sobras o poder transformador que ten un voto e goza da madurez democrática necesaria para exercer en conciencia e liberdade ese dereito.


Lista aprobada polo BNG-Asembleas abertas

1- Secundino García

2- Sabela Íñiguez

3- Manolo Varela

4- Amparo Calvo

5- Suso Soto

6- Ana Belén Breijo

7- Manolo Beceiro

8- Mari Carme Muíño

9- David García

10- Lorena Bouza

11- David Arnoso

12- Pilar Cebreiro

13- Tomás Calvo

14- Raquel Rivas

15- Pedro Rodríguez

16- Vanessa Martínez

17- Dani Felgar

18- Oriana López

19- Jaime Vigo

20- Mª Carme García

21- Pepe López Gudín