24 abr 2015

O sainete preelectoral

Teatrillo montado pola Deputación para asinar o convenio
do campo de fútbol e, de paso, promocionar o candidato do PP
Sabiamos que o PP e o PSOE son practicamente o mesmo, pero tiñamos a esperanza de que a nivel local houbese algunha diferenza e que ambos marcasen distancias entre si ou que empezasen a facer algunha proposta construtiva para todos e todas nós. De momento nada de nada. Da súa postura con respecto ao futuro de San Sadurniño só sabemos o que vemos en internet e o que hai só mostra sectarismo e rexeitamento contra o proxecto nacionalista.

As redes sociais e os boletíns publicados pola oposición foron nas últimas semanas o tapete no que se están poñendo as cartas cara arriba e semella que a partida das próximas eleccións se vai xogar a tres con PP-PSOE formando parella. Hai sintonía total: as trolas e barrabasadas que din uns no facebook son aplaudidas e comentadas profusamente polos outros, os candidatos búscanse para sentar nos plenos un a carón do outro e vímolos facendo corrillo para saír na foto do trasnoitado e vergoñento teatrillo armado polo gabinete de Diego Calvo para escenificar a sinatura do convenio do campo de fútbol. Ningún garda nin en público nin en privado que o único que os move é botar ao bloque do Concello a toda costa. Fraca motivación para quen se presentan a unhas eleccións.

Éche o que hai, como se acostuma dicir. O BNG decatouse hai tempo e os veciños e veciñas de San Sadurniño por sorte tamén se están dando conta desa cordialidade interesada que nada ten que ver coa mellora do concello, senón cun simple “quitemos a éstos para ponernos nosotros y después ya veremos qué hacemos”. E para iso válelles todo.

O PP tira pola demagoxia, a mentira e o ataque sen paliativos a calquera persoa que mostre algunha afección polo que representa o BNG. Na dereita local usan a técnica da man de ferro en guante de terciopelo. Primeiro descalifican e sementan infundios e depois poñen cara de non ter roto nunca un prato, cos ollos afogados en bágoas para apelar á compaixón da audiencia virtual montando un auténtico melodrama. “Los del Bloque son unos demonios!… Me quieren hundir!… Me vetan!… Secundino es un dictador!… Todo San Saturnino tiene miedo!… Hai que echarlos a todos del ayuntamiento!” son frases que ben poderían formar parte deste sainete traxicómico que levan representando varias semanas.

Fixádevos ata que punto chegan as cousas que o candidato popular asegurou en facebook que “estando no público” dun pleno recibiu “insultos e empuxóns”. Incrible. Se fose verdade debería denunciar tal agresión e se fose verdade seguro que a había denunciar con toda a razón do mundo. Se fose verdade… porque nos plenos hai público, grávanse e cólganse enteiros en internet desde o ano pasado e en ningún deles se oe semellante cousa.

Sendo así espérannos unhas semanas movidas e cun terreo de xogo enlamado no que o BNG non se vai meter. Exporemos as nosas ideas e proxectos para San Sadurniño, igual que fixemos sempre. Desta vez a nosa candidatura denomínase BNG-Asembleas abertas porque, máis que nunca, fai falla a colaboración de todas e todos para continuar facendo de San Sadurniño un concello distinto onde calquera pode formar parte dun proxecto ilusionante, incluso quen nos dá leña sen motivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario