29 jun 2011

Unha illa tamén demográfica

San Sadurniño consegue manter poboación
O INE acaba de publicar o avance dos datos poboacionais a 1 de xaneiro de 2011.  A efectos estatísticos en San Sadurniño somos 3.099 persoas. E dicimos a efectos estatíscos porque desde aquela houbo xente que nos deixou para sempre pero tamén outra que naceu ou que elixiu San Sadurniño para vivir. Dous terzos da nosa poboación está entre os 16 e os 64 anos e somos practicamente o mesmo número de mulleres que de homes.

Son só números, pero números que teñen a súa importancia. Galiza perde poboación e, ademais, seguen producíndose migracións do interior á costa ou, dito doutra maneira, do rural aos maltreitos polos económicos do país. Aquí aguantamos e mesmo subimos. Minimamente, pero subimos. O INE dí que gañamos 1 habitante con respecto aos datos de xaneiro de 2010. Este ínfimo incremento sitúanos xunto con Ares e Narón no exclusivo clube dos concellos da comarca que manteñen o tipo en canto a demografía.

Certo é que a estatística marcha a distinto ritmo que a vida e teremos que agardar até finais deste ano para ver se a tendencia positiva se mantén ou se, pola contra, debemos asumir que cada vez somos menos. No contexto no que nos atopamos, os concellos deben ser dinamizadores sociais e económicos para crear condicións que axuden ao crecemento poboacional, procurando ademais que ese crecemento se produza pola base da pirámide.

Niso andamos traballando desde o BNG de San Sadurniño. Houbo quen dixo logo do 22 de maio que somos unha illa rodeada de gaivotas. Tamén queremos ser unha illa demográfica e exemplo de que o rural ten valor e recursos endóxenos abondos para proporcionarlle a calquera unha vida de calidade.

1 comentario:

  1. ANALIZANDO A NOSA REALIDADE: POBOACIÓN ALTAMENTE AVELLENTADA, PODEMOS CONSIDERAR TODO UN ÉXITO GAÑAR 1 HABITANTE. POR OUTRO LADO PODEMOS CONTAR CO RESPALDO DO INE PARA ARGUMENTAR QUE APOSTAR POR UNHA ESCOLA INFANTIL PARA O NOSO CONCELLO É UN OBXECTIVO REALISTA E MÁIS QUE RAZOABLE, NON?

    ResponderEliminar