A primeira asemblea local do BNG logo das eleccións serviu para analisar uns resultados que situaron San Sadurniño como un dos lugares de Galicia onde o bloque sacou un maior porcentaxe de votos. Pero a asemblea tamén serviu para dar a coñecer como quedarán distribuídas as concellarías no seo dun goberno enteiramente nacionalista.
Secundino García desvelou que Manolo Varela, Pepe Gudín, Mari Carme Muíño e Suso Soto continuarán traballando nas mesmas áreas que até o momento, aínda que no caso deste último prevese que compatibilice o seu labor municipal con tarefas organizativas. As novas incorporacións, Amparo Calvo e Ana Belén Bereijo, faranse cargo das áreas de Servizos e Medio Ambiente e de Educación e Igualdade respectivamente.
No marco da xuntanza, García Casal destacou que tanto el como os novos concelleiros e concelleiras son "un equipo" no que non haberá diferenzas á hora de tomar decisións. Algo que fixo extensivo ao resto dos membros da candidatura, aos militantes e aos simpatizantes do BNG, a quen convidou a participar activamente no día a día da política municipal e, sobre todo, na detección de necesidades veciñais de cara a darlles unha resposta inmediata.
Ao respecto da distribución das áreas e do aumento do número de concelleiros con responsabilidade no goberno, o alcalde en funcións asegurou que esta circunstancia non suporá un incremento no gasto municipal, posto que se prevé que un dos membros do equipo non perciba compensación económica polo desempeño das súas funcións.
No tocante ao estado organizativo da agrupación local, na asemblea púxose de manifesto que o BNG de San Sadurniño goza dunha excelente saúde. Neste sentido marcouse como un dos obxectivos principais a medio prazo o reforzo da súa estrutura . Da mesma maneira tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de continuar informando puntualmente a través do Embloque e das redes sociais tanto da xestión do equipo de goberno como do posicionamento do BNG sobre a política autonómica e estatal neste contexto de crise no que nos encontramos.
Parabéns polo voso éxito electoral, e moita sorte nos vindeiros catro anos!
ResponderEliminarEspero que afrontedes esta nova lexislatura coa mesma ilusión, humildade e bo traballo que caracterizou a anterior, facendo de Sansa cada día un lugar mellor para os veciños.
Unha aperta para todos.