16 oct 2012

San Sadurniño crea emprego con iniciativas propias e contribúe a fixar poboación no medio rural


A comezos de decembro iniciaranse as obras de rehabilitación das antigas escolas do Cerdeirido, en Naraío, e das Loibas, en Bardaos. O goberno do BNG en San Sadurniño preparou un proxecto pioneiro en Galiza que prevé converter estes inmobles en vivendas. A idea vén de vello e agora o goberno local obtivo o financiamento necesario para levala a cabo. Está previsto investir arredor de 60.000 euros en cada unha das escolas. A iniciativa municipal permitirá, ademais, darlle emprego nos traballos a cinco persoas durante uns seis meses.
As antigas unitarias converteranse en vivendas

O goberno do BNG busca, desta maneira, dous obxectivos. Por unha banda por en valor un patrimonio que está practicamente en desuso e, por outra, contribuír á creación de emprego no concello. Os proxectos de rehabilitación das dúas escolas están xa elaborados e recollen as características que terán as futuras vivendas unifamiliares. Respectarase no posible a estrutura existente e sustituiranse todos os elementos en mal estado, aproveitando para facer divisións e incorporar elementos de eficiencia enerxética como paneis solares, cociña calefactora ou, como no caso de Naraío, unha galería orientada ao sur que axude a caldear a casa no inverno.

Segundo o alcalde, Secundino García, “non se trata dunha simple rehabilitación, senón que buscamos converter as escolas en vivendas confortables, duradeiras e con todos os servizos necesarios”. O proxecto cifra as intervencións en Bardaos e Naraío en 127.343 euros. O Concello vai facer as obras por administración, é dicir, mercando os materiais e contratando directamente o persoal necesario. “Desta maneira sae máis barato e, sobre todo, permitiranos crear cinco postos de traballo durante uns seis meses para persoas que nestes momentos estean no paro”, explica o alcalde.


Un proxecto para a xente
O Concello de San Sadurniño fala do proxecto como un investimento “útil, sustentable e socialmente necesario” que, segundo as contas do goberno local, “terá un custe cero a medio prazo para as arcas municipais”. Unha vez que se executen as obras -que deberán comezar en decembro e estar listas en xuño do ano que vén- a intención do executivo local é abrir un proceso que permita a súa ocupación “dándolle prioridade a familias e xente moza de San Sadurniño, xa que o BNG cre firmemente nas posibilidades de futuro do medio rural e por iso quere contribuír a fixar poboación” e insiste en que “non vai haber especulación cun ben de primeira necesidade como é a vivenda. Chegado o momento publicaranse as bases cos requisitos que as familias deberán cumprir para optar ás novas casas construídas polo Concello. ”

Se o proxecto sae como está previsto, o goberno local quere continualo con outros inmobles municipais. “Ademais das escolas de Bardaos e de Naraío, o Concello tamén posúe a de Ferreira de riba, a de Igrexafeita e a de Silvalonga que están en desuso e algunhas nun estado ruinoso e que tamén serían susceptibles de converterse en vivendas.”




A Xunta do PP empeza a cobrar pola auga



O Partido Popular asegurou que non había nada que temer e mesmo organizarou actos informativos para tranquilizarnos a todos. O PP dixo por activa e por pasiva que non nos ían cobrar nadiña... pero, mal que nos pese, xa está aquí o canon da auga. No próximo recibo da traída de San Sadurniño xa aparece ese incremento imposto polo goberno do PP que nalgúns casos suporá pagar o dobre do que se viña pagando até agora.

Levan toda a vida mentindo e seguen facéndoo. As promesas de que non ían cobrar pola auga foron unha trola e agora verémolo na factura.É un atraco a man armada e máis aínda en tempos de crise coma os que viven os negocios e as familias. Iso é o novo canon que establece un gravame sobre o consumo de auga por parte dos establecementos comerciais e os fogares que contan con traída municipal.

A medida entrou en vigor o 1 de xullo e xa se vai notar na próxima factura. As vivendas teñen que pagar como mínimo 2,5 euros máis polo recibo sempre que o consumo sexa inferior a 6.000 litros por mes e por casa. Se se sobrepasa esta cantidade o aumento mínimo pasa a 4,5 euros. Os bares e demais negocios teñen un incremento mínimo de 7,5 euros sempre que o consumo anual non supere os 2.000 litros. En ambos casos establécense custes a maiores que poden chegar aos 0,41 euros por metro cúbico.

O que nos suporá vese claramente con tres exemplos prácticos. Poñamos por caso un consumo real dunha vivenda na que viven dúas persoas. O que lles cobra o Concello son 61,95 euros polo abastecemento de auga durante catro meses. Pois ben, a esa cantidade hai que engadirlle 6 euros máis de cota fixa establecida no canon, máis 51,25 euros por encontrarse no 4º tramo de consumos establecido pola Xunta, total 57,25 euros de canon. Sumándoo todo vemos que esa factura de 61,95 se converte nunha de 119,2 euros. Case o dobre.

Vexamos outro caso. A unha vivenda con tres persoas que consumise 48 metros cúbicos en catro meses, o Concello cobraríalle pola subministración 18,65 euros. Pero a esta cifra agora hai que engadirlle 6 euros de cota fixa máis 13,44 de cota variable dacordo co seu consumo, o que nos dá 19,44 euros de canon imposto pola Xunta do PP, ou o que é o mesmo, un recibo de 38,09 euros.

O último exemplo é o dun negocio de hostalaría con traída municipal. Consumiron 257 metros cúbicos en catro meses e o Concello cobraríalle polo servizo 142,47 euros. Pero co canon deseñado polo Partido Popular tamén terán que pagar 111,37 entre cota fixa e cota variable polo seu consumo. Total: 253,37 euros, que non é ningunha broma.

Deste atraco só se salvan -alomenos este ano- os pozos e as traídas veciñais. Tamén hai exencións para as explotacións a menos que reciban algunha sanción por verter resíduos ou por non andar con coidado co xurro. No caso das vivendas haberá que comunicarlle a Augas de Galicia se na casa viven máis de tres persoas se é que queremos pagar menos e tamén se somos familia numerosa, xa que existe unha dedución do 50%.

Como queira que sexa trátase dun canon inxusto e innecesario que só se xustifica coa fame recadatoria do Partido Popular. A única maneira de volver as cousas a como estaban  é votándolle ao BNG o próximo domingo.

Carta aberta ao pobo de San Sadurniño


Benquerida veciña, benquerido veciño:

O próximo 21 de outubro celébranse as que serán as eleccións máis trascendentes para Galiza desde a aprobación do Estatuto de autonomía. O estado vive a crise máis fonda que se acorda e Galiza está a pagar as consecuencias das políticas inútiles do PP tanto en Madrid como na Xunta.

A inoperancia de Feijoo e de Rajoy sería un mal menor se só significase un estancamento do crecemento económico e social. Porén a súa maneira de facer as cousas trouxo a perda de dereitos para os traballadores cunha reforma laboral que abarata os despedimentos e que non logrou crear empregos. Tamén supuxo a inxección de cartos de todos nós nese burato sen fondo que son os bancos mentres se recurtan servizos como a educación ou a sanidade. Cartos que os banqueiros usan para mercar débeda do estado en vez de destinalos a créditos para as familias e as pequenas empresas, que son as que realmente terman deste país. Cartos que se lle deberían volver á xente que os perdeu con produtos como as participacións preferentes sen que, polo momento, o PP dese unha solución satisfactoria para todos.

Promesas incumpridas
Aínda lembro a campaña electoral de 2009 cando Feijoo prometía acabar co paro en 45 días. Daquela había 163.000 parados e hoxe andamos xa nos 275.000. Lembro tamén cando Feijoo se comprometeu a loitar contra a “crisi” e a xerar sectores produtivos. O seu balance é o peche de arredor de 9.000 empresas e 100.000 persoas menos cotizando á seguridade social.

Vénme á cabeza a súa promesa de reducir o défice público e de que Galiza non tería que ser rescatada. Pois ben, non hai tal contención do défice: houbo enxeñaría financeira -por non chamarlle truco de trileiro- movendo partidas dun ano para outro de forma que os números das contas públicas quedasen ben sobre o papel.

Feijoo chámalle aforrar a traspapelar 400 millóns de défice nun país que hoxe debe case 8.000 millóns de euros, 706 millóns máis que en 2009. Chámalle aforrar a non investir en educación, sanidade e obras públicas; a desmantelar o consorcio galego de servizos de igualdade e benestar, a facer que os anciáns paguen na farmacia parte dos medicamentos, a reducir mestres, a eliminarlle a paga extra aos empregados públicos, a que desde Madrid se nos impoña a suba da contribución, a que a Xunta cobre un canon pola auga da billa, ou a que se suprima un decreto eólico vital para crear empregos e para que Galiza xestione os seus propios recursos enerxéticos. E tamén lle chama aforrar a predicar a fusión de concellos mentres se manteñen organismos custosos e inútiles como as deputacións. Eses son os “aforros” e as “austeridades” do goberno do PP.

Que ninguén te engane
O adianto electoral foi unha estratexia de Feijoo, un balón de osíxeno que lle permita respirar momentaneamente antes de que a realidade nos afogue a todos e todas por completo. O novo goberno saído das urnas tralo 21O baterá, sen dúbida, cunha Galiza arruinada económica e socialmente. Se Feijoo repite, el e Rajoy terán carta branca para seguir facendo e desfacendo e, que ninguén se engane, para usar a tixeira a fondo e con dureza. Pensións, prestacións por desemprego... nada se salvaría da fame do PP por contentar os mercados. Estamos á mercede de Alemaña e do ultraliberalismo económico. Rajoy cumpre os seus mandados e Feijoo seguirao cegamente. Porque Feijoo carece de conciencia política, a súa conciencia é Rajoy... e a de Rajoy, Angela Merkel.

A mentira é unha técnica empregada, polo tanto, nos últimos tres anos cunha desvergoña total. A última á que asistimos é a de asinar un “contrato” coa petroleira mexicana PEMEX para construír barcos nos estaleiros galegos. Alegraríame que Navantia teña a carga de traballo que precisa a economía da comarca. Pero hai puntos escuros que Feijoo se resiste a aclarar xustificándose cunha pretendida confidencialidade do documento asinado en periodo preelectoral. Que alguén nos explique como ten previsto Feijoo saltar a prohibición europea para que Navantia constrúa buques civís. E que alguén nos explique cales son os termos dese “acordo estratéxico” escenificado en Santiago días antes de que comezase a campaña electoral.

Pouco a pouco imos sabendo polas novas que chegan da outra banda do Atlántico que o “contrato” dos floteis é máis ben unha declaración de intencións, un preacordo para que o naval teña opcións de construír eses barcos pero en ningún caso a seguridade de que vaia ser así, tal e como intenta facer ver o PP. Por agora só nos venderon fume e a actitude de Feijoo lémbrame á do caco que entra no banco esixindo os cartos -o voto neste caso- coa man oculta no peto da chaqueta e co dedo índice estirado. Feijoo esíxenos fe cega no que nos conta, quere que o creamos e nós queremos crelo, pero ten que demostrarnos que nos dí a verdade porque co pan dos traballadores e traballadoras non se xoga. Non axuda tampouco a desvelar estes misterios a visita de Peña Nieto -futuro presidente de México- que asegurou sen asegurar nada para non pillar os dedos. E, mentres, seguimos agardando por un dique flotante que lle permita aos estaleiros da ría afrontar un futuro incerto a día de hoxe.

Asistimos ás trolas continuas dun mentireiro compulsivo, amplificadas e modificadas para que sexan máis efectivas sobre o electorado por medios de comunicación como La Voz de Galicia, ABC, a TVG e Televisión Española entre outros. Queren facernos crer que non hai alternativa ao PP e publican titulares capciosos, datos de enquisas cociñadas e verdades a medias que buscan cortar como sexa o imparable ascenso do nacionalismo galego. Dinnos que os nacionalistas galegos, cataláns e vascos queremos romper España, aseguran que o BNG está tocado, negan a evidencia de que temos ideas novas capaces de afrontar esta crise con garantías de éxito. Ante iso só se pode apelar á responsabilidade e ao voso criterio de electores que teñen ollos na cara e que sofren todos os días os desmanes da dereita máis radical que viu esta xeración de galegos e galegas.

Galiza ten que decidir o seu destino
Non queremos romper España, queremos xestionar e decidir sobre o que é noso: o finanzamento, a creación dunha banca pública, a defensa dos nosos sectores produtivos, o autogoberno, en definitiva, fronte ás imposicións. Ideas que imos levar adiante co teu apoio, porque o BNG non está tocado, senón que goza dunha magnífica saúde tal e como quedou demostrado o pasado 25 de xullo e na Convención Nacional do pasado 30 de setembro. En Galiza hai unha alternativa capaz de facerlle frente ao PP e de conseguir que sexamos nós os que gobernemos o noso país. O BNG preséntase ás eleccións cun candidato, Francisco Jorquera, que demostrou na súa etapa no Parlamento do Estado que para el Galiza si é o primeiro. As súas xestións servíronnos en San Sadurniño para obter o financiamento necesario para rehabilitar o Pazo da Marquesa. Tamén foi el quen negociou no seu día o Plan de Infraestruturas no Medio Rural do que hoxe se beneficia toda Galiza e que aquí, en San Sadurniño, nos serviu para acondicionar numerosas pistas.

O proxecto do BNG para o País é moi semellante ao que xa se está a aplicar aquí en San Sadurniño, onde se mantén e mesmo incrementa a atención social. Un concello que inviste en infraestruturas, en cultura e en educación. Un concello que é punteiro en xestión ambiental e en aforro de enerxía. Un concello que inviste en si mesmo porque o BNG cre que nestes momentos as institucións deben crear as condicións para que a economía e o emprego avancen en vez de pregarse ás ordes do neoliberalismo económico. Un concello que adopta medidas para paliar a perda de poder adquisitivo dos seus traballadores e traballadoras a consecuencia da retirada da paga extra de decembro decretada por Rajoy e aplaudida polo resto do PP, incluso o de San Sadurniño. Un concello que é o único da comarca que paga ao día as súas facturas, que ten as contas saneadas e que é capaz de ofrecervos servizos sen endebedarse.

O BNG quere que Galiza sexa así: un país dono de decidir sobre si e sobre os seus recursos no que se cree emprego e se combata a precariedade, onde paguen máis quen máis teñan, onde se potencie a investigación e a educación como factor indispensable para saír da crise, onde a democracia sexa real e non unha palabra que lles encha a boca aos políticos.

O domingo das eleccións está aí, a só uns días. É importante que te mobilices, que vaias votar e que lle contes á xente que hai unha alternativa real e democrática á parálise dos últimos tres anos. A alternativa que representará un goberno do BNG. Conto contigo para facerlles frente ás políticas do PP e para apoiar o cambio que Galiza necesita. O BNG conta contigo para que sexas ti quen goberne este país.


Un saúdo.


Asdo. Secundino García Casal.