Benquerida
veciña, benquerido veciño:
O
próximo 21 de outubro celébranse as que serán as eleccións máis
trascendentes para Galiza desde a aprobación do Estatuto de
autonomía. O estado vive a crise máis fonda que se acorda e Galiza
está a pagar as consecuencias das políticas inútiles do PP tanto
en Madrid como na Xunta.
A
inoperancia de Feijoo e de Rajoy sería un mal menor se só
significase un estancamento do crecemento económico e social. Porén
a súa maneira de facer as cousas trouxo a perda de dereitos para os
traballadores cunha reforma laboral que abarata os despedimentos e
que non logrou crear empregos. Tamén supuxo a inxección de cartos
de todos nós nese burato sen fondo que son os bancos mentres se
recurtan servizos como a educación ou a sanidade. Cartos que os
banqueiros usan para mercar débeda do estado en vez de destinalos a
créditos para as familias e as pequenas empresas, que son as que
realmente terman deste país. Cartos que se lle deberían volver á
xente que os perdeu con produtos como as participacións preferentes
sen que, polo momento, o PP dese unha solución satisfactoria para
todos.
Promesas
incumpridas
Aínda
lembro a campaña electoral de 2009 cando Feijoo prometía acabar co
paro en 45 días. Daquela había 163.000 parados e hoxe andamos xa
nos 275.000. Lembro tamén cando Feijoo se comprometeu a loitar
contra a “crisi” e a xerar sectores produtivos. O seu balance é
o peche de arredor de 9.000 empresas e 100.000 persoas menos
cotizando á seguridade social.
Vénme
á cabeza a súa promesa de reducir o défice público e de que
Galiza non tería que ser rescatada. Pois ben, non hai tal contención
do défice: houbo enxeñaría financeira -por non chamarlle truco de
trileiro- movendo partidas dun ano para outro de forma que os números
das contas públicas quedasen ben sobre o papel.
Feijoo
chámalle aforrar a traspapelar 400 millóns de défice nun país que
hoxe debe case 8.000 millóns de euros, 706 millóns máis que en
2009. Chámalle aforrar a non investir en educación, sanidade e
obras públicas; a desmantelar o consorcio galego de servizos de
igualdade e benestar, a facer que os anciáns paguen na farmacia
parte dos medicamentos, a reducir mestres, a eliminarlle a paga extra
aos empregados públicos, a que desde Madrid se nos impoña a suba da
contribución, a que a Xunta cobre un canon pola auga da billa, ou a
que se suprima un decreto eólico vital para crear empregos e para
que Galiza xestione os seus propios recursos enerxéticos. E tamén
lle chama aforrar a predicar a fusión de concellos mentres se
manteñen organismos custosos e inútiles como as deputacións. Eses
son os “aforros” e as “austeridades” do goberno do PP.
Que
ninguén te engane
O
adianto electoral foi unha estratexia de Feijoo, un balón de osíxeno
que lle permita respirar momentaneamente antes de que a realidade nos
afogue a todos e todas por completo. O novo goberno saído das urnas
tralo 21O baterá, sen dúbida, cunha Galiza arruinada económica e
socialmente. Se Feijoo repite, el e Rajoy terán carta branca para
seguir facendo e desfacendo e, que ninguén se engane, para usar a
tixeira a fondo e con dureza. Pensións, prestacións por
desemprego... nada se salvaría da fame do PP por contentar os
mercados. Estamos á mercede de Alemaña e do ultraliberalismo
económico. Rajoy cumpre os seus mandados e Feijoo seguirao
cegamente. Porque Feijoo carece de conciencia política, a súa
conciencia é Rajoy... e a de Rajoy, Angela Merkel.
A
mentira é unha técnica empregada, polo tanto, nos últimos tres
anos cunha desvergoña total. A última á que asistimos é a de
asinar un “contrato” coa petroleira mexicana PEMEX para construír
barcos nos estaleiros galegos. Alegraríame que Navantia teña a
carga de traballo que precisa a economía da comarca. Pero hai puntos
escuros que Feijoo se resiste a aclarar xustificándose cunha
pretendida confidencialidade do documento asinado en periodo
preelectoral. Que alguén nos explique como ten previsto Feijoo
saltar a prohibición europea para que Navantia constrúa buques
civís. E que alguén nos explique cales son os termos dese “acordo
estratéxico” escenificado en Santiago días antes de que comezase
a campaña electoral.
Pouco
a pouco imos sabendo polas novas que chegan da outra banda do
Atlántico que o “contrato” dos floteis é máis ben unha
declaración de intencións, un preacordo para que o naval teña
opcións de construír eses barcos pero en ningún caso a seguridade
de que vaia ser así, tal e como intenta facer ver o PP. Por agora
só nos venderon fume e a actitude de Feijoo lémbrame á do caco que
entra no banco esixindo os cartos -o voto neste caso- coa man oculta
no peto da chaqueta e co dedo índice estirado. Feijoo esíxenos fe
cega no que nos conta, quere que o creamos e nós queremos crelo,
pero ten que demostrarnos que nos dí a verdade porque co pan dos
traballadores e traballadoras non se xoga. Non axuda tampouco a desvelar estes misterios a visita de Peña Nieto -futuro presidente de México- que asegurou sen asegurar nada para non pillar os dedos. E, mentres, seguimos
agardando por un dique flotante que lle permita aos estaleiros da ría
afrontar un futuro incerto a día de hoxe.
Asistimos
ás trolas continuas dun mentireiro compulsivo, amplificadas e
modificadas para que sexan máis efectivas sobre o electorado por
medios de comunicación como La Voz de Galicia, ABC, a TVG e
Televisión Española entre outros. Queren facernos crer que non hai
alternativa ao PP e publican titulares capciosos, datos de enquisas
cociñadas e verdades a medias que buscan cortar como sexa o
imparable ascenso do nacionalismo galego. Dinnos que os nacionalistas
galegos, cataláns e vascos queremos romper España, aseguran que o
BNG está tocado, negan a evidencia de que temos ideas novas capaces
de afrontar esta crise con garantías de éxito. Ante iso só se pode
apelar á responsabilidade e ao voso criterio de electores que teñen
ollos na cara e que sofren todos os días os desmanes da dereita máis
radical que viu esta xeración de galegos e galegas.
Galiza
ten que decidir o seu destino
Non
queremos romper España, queremos xestionar e decidir sobre o que é
noso: o finanzamento, a creación dunha banca pública, a defensa dos
nosos sectores produtivos, o autogoberno, en definitiva, fronte ás
imposicións. Ideas que imos levar adiante co teu apoio, porque o BNG
non está tocado, senón que goza dunha magnífica saúde tal
e como quedou demostrado o pasado 25 de xullo e na Convención
Nacional do pasado 30 de setembro.
En Galiza hai unha alternativa capaz de facerlle frente ao PP e de
conseguir que sexamos nós os que gobernemos o noso país. O BNG
preséntase ás eleccións cun candidato, Francisco Jorquera, que
demostrou na súa etapa no Parlamento do Estado que para el Galiza si
é o primeiro. As súas xestións servíronnos en San Sadurniño para
obter o financiamento necesario para rehabilitar o Pazo da Marquesa.
Tamén foi el quen negociou no seu día o Plan de Infraestruturas no
Medio Rural do que hoxe se beneficia toda Galiza e que aquí, en San
Sadurniño, nos serviu para acondicionar numerosas pistas.
O
proxecto do BNG para o País é moi semellante ao que xa se está a
aplicar aquí en San Sadurniño, onde se mantén e mesmo incrementa a
atención social. Un concello que inviste en infraestruturas, en
cultura e en educación. Un concello que é punteiro en xestión
ambiental e en aforro de enerxía. Un concello que inviste en si
mesmo porque o BNG cre que nestes momentos as institucións deben
crear as condicións para que a economía e o emprego avancen en vez
de pregarse ás ordes do neoliberalismo económico. Un
concello que adopta medidas para paliar a perda de poder adquisitivo
dos seus traballadores e traballadoras a consecuencia da retirada da
paga extra de decembro decretada por Rajoy e aplaudida polo resto do
PP, incluso o de San Sadurniño. Un
concello que é o único da comarca que paga ao día as súas
facturas, que ten as contas saneadas e que é capaz de ofrecervos
servizos sen endebedarse.
O
BNG quere que Galiza sexa así: un país dono de decidir sobre si e
sobre os seus recursos no que se cree emprego e se combata a
precariedade, onde paguen máis quen máis teñan, onde se potencie a
investigación e a educación como factor indispensable para saír da
crise, onde a democracia sexa real e non unha palabra que lles encha
a boca aos políticos.
O
domingo das eleccións está aí, a só uns días. É importante que
te mobilices, que vaias votar e que lle contes á xente que hai unha
alternativa real e democrática á parálise dos últimos tres anos.
A alternativa que representará un goberno do BNG. Conto contigo para
facerlles frente ás políticas do PP e para apoiar o cambio que
Galiza necesita. O BNG conta contigo para que sexas ti quen goberne
este país.
Un
saúdo.
Asdo.
Secundino García Casal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario