A
comezos de decembro iniciaranse as obras de rehabilitación das
antigas escolas do Cerdeirido, en Naraío, e das Loibas, en Bardaos.
O goberno do BNG en San Sadurniño preparou un proxecto pioneiro en
Galiza que prevé converter estes inmobles en vivendas. A idea vén
de vello e agora o goberno local obtivo o financiamento necesario
para levala a cabo. Está previsto investir arredor de 60.000 euros
en cada unha das escolas. A iniciativa municipal permitirá, ademais,
darlle emprego nos traballos a cinco persoas durante uns seis meses.
As antigas unitarias converteranse en vivendas |
O
goberno do BNG busca, desta maneira, dous obxectivos. Por unha banda
por en valor un patrimonio que está practicamente en desuso e, por
outra, contribuír á creación de emprego no concello. Os proxectos
de rehabilitación das dúas escolas están xa elaborados e recollen
as características que terán as futuras vivendas unifamiliares.
Respectarase no posible a estrutura existente e sustituiranse todos
os elementos en mal estado, aproveitando para facer divisións e
incorporar elementos de eficiencia enerxética como paneis solares,
cociña calefactora ou, como no caso de Naraío, unha galería
orientada ao sur que axude a caldear a casa no inverno.
Segundo
o alcalde, Secundino García, “non se trata dunha simple
rehabilitación, senón que buscamos converter as escolas en vivendas
confortables, duradeiras e con todos os servizos necesarios”. O
proxecto cifra as intervencións en Bardaos e Naraío en 127.343
euros. O Concello vai facer as obras por administración, é dicir,
mercando os materiais e contratando directamente o persoal necesario.
“Desta maneira sae máis barato e, sobre todo, permitiranos crear
cinco postos de traballo durante uns seis meses para persoas que
nestes momentos estean no paro”, explica o alcalde.
Un
proxecto para a xente
O
Concello de San Sadurniño fala do proxecto como un investimento
“útil, sustentable e socialmente necesario” que, segundo as
contas do goberno local, “terá un custe cero a medio prazo para as
arcas municipais”. Unha vez que se executen as obras -que deberán
comezar en decembro e estar listas en xuño do ano que vén- a
intención do executivo local é abrir un proceso que permita a súa
ocupación “dándolle prioridade a familias e xente moza de San
Sadurniño, xa que o BNG cre firmemente nas posibilidades de futuro
do medio rural e por iso quere contribuír a fixar poboación” e
insiste en que “non vai haber especulación cun ben de primeira
necesidade como é a vivenda. Chegado o momento publicaranse as bases
cos requisitos que as familias deberán cumprir para optar ás novas
casas construídas polo Concello. ”
Se
o proxecto sae como está previsto, o goberno local quere continualo
con outros inmobles municipais. “Ademais das escolas de Bardaos e
de Naraío, o Concello tamén posúe a de Ferreira de riba, a de
Igrexafeita e a de Silvalonga que están en desuso e algunhas nun
estado ruinoso e que tamén serían susceptibles de converterse en
vivendas.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario