O Partido Popular asegurou que non había nada que temer e mesmo organizarou actos informativos para tranquilizarnos a todos. O PP dixo por activa e por pasiva que non nos ían cobrar nadiña... pero, mal que nos pese, xa está aquí o canon da auga. No próximo recibo da traída de San Sadurniño xa aparece ese incremento imposto polo goberno do PP que nalgúns casos suporá pagar o dobre do que se viña pagando até agora.
Levan toda a vida mentindo e seguen facéndoo. As promesas de que non ían cobrar pola auga foron unha trola e agora verémolo na factura.É un atraco a man armada e máis aínda en tempos de crise coma os que viven os negocios e as familias. Iso é o novo canon que establece un gravame sobre o consumo de auga por parte dos establecementos comerciais e os fogares que contan con traída municipal.
A medida entrou en vigor o 1 de xullo e xa se vai notar na próxima factura. As vivendas teñen que pagar como mínimo 2,5 euros máis polo recibo sempre que o consumo sexa inferior a 6.000 litros por mes e por casa. Se se sobrepasa esta cantidade o aumento mínimo pasa a 4,5 euros. Os bares e demais negocios teñen un incremento mínimo de 7,5 euros sempre que o consumo anual non supere os 2.000 litros. En ambos casos establécense custes a maiores que poden chegar aos 0,41 euros por metro cúbico.
O que nos suporá vese claramente con tres exemplos prácticos. Poñamos por caso un consumo real dunha vivenda na que viven dúas persoas. O que lles cobra o Concello son 61,95 euros polo abastecemento de auga durante catro meses. Pois ben, a esa cantidade hai que engadirlle 6 euros máis de cota fixa establecida no canon, máis 51,25 euros por encontrarse no 4º tramo de consumos establecido pola Xunta, total 57,25 euros de canon. Sumándoo todo vemos que esa factura de 61,95 se converte nunha de 119,2 euros. Case o dobre.
Vexamos outro caso. A unha vivenda con tres persoas que consumise 48 metros cúbicos en catro meses, o Concello cobraríalle pola subministración 18,65 euros. Pero a esta cifra agora hai que engadirlle 6 euros de cota fixa máis 13,44 de cota variable dacordo co seu consumo, o que nos dá 19,44 euros de canon imposto pola Xunta do PP, ou o que é o mesmo, un recibo de 38,09 euros.
O último exemplo é o dun negocio de hostalaría con traída municipal. Consumiron 257 metros cúbicos en catro meses e o Concello cobraríalle polo servizo 142,47 euros. Pero co canon deseñado polo Partido Popular tamén terán que pagar 111,37 entre cota fixa e cota variable polo seu consumo. Total: 253,37 euros, que non é ningunha broma.
Deste atraco só se salvan -alomenos este ano- os pozos e as traídas veciñais. Tamén hai exencións para as explotacións a menos que reciban algunha sanción por verter resíduos ou por non andar con coidado co xurro. No caso das vivendas haberá que comunicarlle a Augas de Galicia se na casa viven máis de tres persoas se é que queremos pagar menos e tamén se somos familia numerosa, xa que existe unha dedución do 50%.
Como queira que sexa trátase dun canon inxusto e innecesario que só se xustifica coa fame recadatoria do Partido Popular. A única maneira de volver as cousas a como estaban é votándolle ao BNG o próximo domingo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario