31 mar 2011

O Concello de San Sadurniño renova o convenio coa ANPA do colexio para a realización de actividades extraescolares


O Concello de San Sadurniño acaba de suscribir o acordo de colaboración coa asociación de pais e nais do colexio público para a realización de distintas actividades durante o 2011. Segundo o documento o organismo municipal achegará 5000 euros para sufragar, entre outras, a festa do Entroido, a do Día das Letras Galegas, o magosto ou as celebracións do Nadal. Desde aquí queremos destacar o magnífico traballo que fai a ANPA do CPI de San Sadurniño e ratificar o compromiso do BNG de continuar apoiando as actividades que desenvolve.

O programa de actividades escolares propostas pola ANPA complétase co festival de fin de curso, a Festa das Caveiras de Cabaza. Ademais de axudar en eventos puntuais, o Concello tamén colaborará economicamente na organización de dous cursos novidosos, un de primeiros auxilios e outro de apicultura para os alumnos e alumnas de 1º e 2º de secundaria. No convenio tamén se recolle expresamente a axuda municipal para as excursións de fin de curso de infantil, primaria e 4º de secundaria.

O convenio materializarase nunha achega de 2.500 euros logo da sinatura, á que se lle sumarán outros 2.500 euros no intre da xustificación das actividades.

O convenio supón un apoio decidido ao magnífico traballo que desenvolve a ANPA do colexio público. Cómpre lembrar que nos últimos anos o organismo municipal e a comunidade educativa manteñen unha estreita relación e un constante diálogo que resultou nunha mellora considerable dos equipamentos educativos e da oferta extraescolar.

Neste mandato, o Concello investiu máis de 600.000 euros no centro. Investimentos que foron para, entre outras obras, a separación do aparcadoiro da área de lecer e a construción de pistas multixogos.

Bolsas escolares
Este 31 de marzo tamén remata o prazo para solicitar as axudas municipais para estudos. Destínanse 20.000 euros a bolsas das que se poderán beneficiar alumnos e alumnas do concello que estuden en centros de dentro e fóra de San Sadurniño e tamén aquelas familias que teñan que botar man dunha gardería. Para o 2011 o concello introduciu cambios para o acceso ás bolsas. De feito, agora revisarase a base impoñible do IRPF de cada familia en vez de tomar como referenza os ingresos brutos. Desta maneira garántese que poidan aproveitar as becas un maior número de familias e, o que é máis importante, que se beneficien delas as que máis o necesitan.

30 mar 2011

San Sadurniño asina coa Xunta o convenio para a mellora de infraestruturas rurais

Esta mañá asinamos coa Xunta o convenio relativo aos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural. O coñecido como PEIM é un programa sufragado polo Ministerio de Medio Rural e Mariño e pola Xunta de Galicia, que nesta anualidade prevé investimentos en San Sadurniño por valor de 46.635 euros. Esta partida orzamentaria destinarase á reparación de varias pistas nas parroquias de Lamas, Naraío, Igrexafeita e Ferreira.

A sinatura do convenio produciuse no Centro de acollida de visitantes das Fragas do Eume, en Pontedeume, e a el asistiron outros alcaldes da comarca. O PEIM ten como obxectivo levar a cabo actuacións que axuden a arranxar deficiencias existentes nos concellos, especialmente camiños agrícolas epistas rurais.

No caso de San Sadurniño o Concello presentou un programa de intervencións que reflicte a reparación de tres eixos viarios municipais. Así, resafaltaranse as pistas de Bouzamaior, en Igrexafeita, a que une o núcleo de Quintiá co límite co concello da Capela, en Naraío, e a pista que vai desde o lugar da Praza até o Vidueiro, en Ferreira.

Con cargo ao PEIM tamén se limparán as gavias e se lle botará unha nova capa de rodadura á pista que vai desde a Fontela até a Rega, en Ferreira e melloraráselle o acceso á AC-862 aos veciños e veciñas do lugar de Vilanova, en Lamas.

En total vanse investir neste momento 46.635 euros correspondentes á parte que pón Medio Rural nun programa confinanciado pola Xunta e o Estado. Agora estase á espera de que se dilucide a concreción do financiamento estatal. A San Sadurniño correspóndenlle 139.905 euros dos que, polo de agora, só se lle puido dar saída a un terzo que é competencia da Xunta. Agardamos que en breve o Ministerio dea orde de presentar os proxectos para os outros 93.270 euros que faltan para completar esta anualidade do PEIM.

28 mar 2011

Fálanos sempre que nos vexas...

Fálame sempre que me vexas. É unha frase que temos empregado centos de veces para saudarmos a quen hai tempo que non vemos. Eu fágoa miña nesta ocasión porque quero que me faledes sempre que me vexades e se non me vedes, tedes unha chea de camiños para contarme o que queirades.

Estamos ultimando o programa de goberno 2011-2015 co que nos presentamos ás eleccións municipais do mes de maio. Por iso é tan importante que nos fagades chegar as vosas inquedanzas. Podedes facelo a través do meu  facebook, polo twitter, neste blog a través dos comentarios e tamén neste enderezo de correo electrónico ao que podedes enviarme calquera proposta ou achega que nos axude a mellorar o noso concello.

Ah, e sempre podedes falarme a min ou a calquera dos membros da candidatura.

25 mar 2011

O concello máis verde do Estado, segundo os xornalistas

A nova de que eramos o concello máis verde do Estado converteu San Sadurniño nun fervedoiro de medios durante esta semana e maila pasada. Quen dixo tal cousa foi El Correo Gallego e, a partir de aí, o resto. Radio Nacional, Onda Cero, La Sexta, Xornal, Vtelevisión, e TVE, entre outros, xa se interesaron polas políticas que desenvolvemos en materia de sustentabilidade.

Levamos traballado moito, pero é algo excesivo dicir que somos "os máis...". Seguro que hai máis concellos en España que promoveron entre a veciñanza a compra conxunta de paneis solares térmicos. Tamén é seguro que hai centos de vilas con programas de compostaxe caseira. Estou certo de que hai consistorios nos que, igual ca nós, reduciron a factura eléctrica reordenando os alumeados públicos, controlando o que as eléctricas queren cobrar e metendo bombillas de baixo consumo en todos os edificios municipais. Por suposto, creo que haberá moitos concellos nos que a recollida do lixo é tanto ou máis efectiva que a nosa, aínda sendo a de San Sadurniño unha das que ten menos "impropios" de toda Galiza. Ata haberá municipios que aposten pola preservación de especies autóctonas de todo tipo e que promovan o consumo responsable.

Se somos os máis en algo, creo eu, é en que fomos quen de poñer en marcha todas estas medidas en menos de catro anos cunha grande implicación social. Ao longo destes días seguramente vexamos San Sadurniño na televisión varias veces. Avisareivos a través do meu facebook e do do BNG.

24 mar 2011

Cheo na Casa da Cultura

Non teño outra maneira de titular esta entrada do meu blog. Estou realmente sorprendido por termos xuntado tantos veciños e veciñas no acto de presentación da candidatura para as municipais. Aínda non estamos en campaña, pero si se alentan ventos electorais. Mentres PSOE e PP aínda andan a voltas coa configuración das súas candidaturas, nós xa hai semanas que a fixemos pública e este 23 de marzo convertémola en oficial.
Alguén da oposición dixo non hai moito nun lugar público que xa tiñan a lista feita... Acto seguido convidou a unha das alí presentes a formar parte dela. Insistiu e insistiu e, ao final, levou un rotundo non por resposta. Supoño que será un problema de cumprir coa paridade. Os partidos tradicionalmente "de homes" agora non conseguen facer listas como é debido, é dicir, listas paritarias coma as do BNG na que mulleres e homes están en igualdade de condicións.
Este ano ao BNG foille moi doado reunir unha equipa que, como dixo Sandra Arnosa na presentación, mestura experiencia e xuventude. Vese que o traballo ben feito nos últimos catro anos lle dá impulso á xente para integrarse no noso proxecto. Un proxecto que vai máis aló das persoas que integran a candidatura. Un proxecto de compromiso con San Sadurniño.
Para o acto da presentación preparei unhas letras que me servisen de guía durante a miña intervención. Quería falar da da democratización da vida política neste municipio, do avance dado en materia de servizos e infraestruturas,  da importancia da participación cidadá nas decisións municipais,  das medidas de aforro enerxético, ou do feito de que San Sadurniño sexa -segundo a FEGAMP- o concello de Galiza  que máis destina a servizos sociais en termos porcentuais do seu orzamento. Este ano 2011, o 15% das contas municipais irán parar a benestar social. 
Tamén quería tirarlle das orellas á Xunta de Galiza porque aínda non urbanizou o Polígono Industrial segundo o acordado en 2007 e tamén porque aínda agardamos a construción dunha Escola Infantil nuns terreos que o Concello xa ten cedidos ao Consorcio e para a cal xa está redactado o proxecto.
Quería falar destas e doutras moitas cousas. Algunhas toqueinas, outras non. Xa se sabe como é o directo. Só quero agradecervos que onte a casa da cultura estivese chea.

20 mar 2011

Contra da lei de augas

A nova lei de augas aprobada en solitario polo PP está a dar que falar en toda Galiza por causa do canon que a Xunta nos quere impoñer. Teremos que pagar un novo imposto sen que a Xunta nos dea nada a cambio. A medida "popular" suporalle unha importante suba da factura aos veciños do casco urbano, xa que á factura municipal haberá que incorporarlle o canon da Xunta.

Poñamos un exemplo práctico collendo un caso real dunha vivenda de San Sadurniño na que viven catro persoas. Nesta casa consomen 75 m3 en catro meses. A factura é de 10,14 euros fixos máis 0,61 euros por metro cúbico. Total: 55,89 euros que cobra o Concello de taxa de subministración.

Pois ben, a eses 55,89 euros vai haber que sumarlle o canon imposto pola Xunta. Botemos contas: unha cuota fixa de 6 euros a maiores polos catro meses, máis 27 euros polo consumo, xa que nos cobrarían outros 0,36 euros por metro cúbico consumido. Total: 33 euros directamente para as arcas da Xunta que, por certo, non se encarga de manter a traída municipal. Así teríamos que a factura dos catro meses pasaría dos 55,89 euros aos 88,89. É dicir, se se mantivese ese consumo todo o ano, na casa do exemplo pagarían case 100 euros máis. 

Estas contas tamén se poden botar no caso dun negocio. Por exemplo, un local hostaleiro de San Sadurniño que gaste 393 m3 no primeiro cuadrimestre do ano pagaría agora uns 250 euros. Co canon da Xunta vería aumentada a súa factura noutros 140 euros sen que a administración lle preste ningún servizo máis aló do que xa vén prestando o Concello. Ao final do ano os números non son unha broma: o canon súbelle a factura da auga 70.000 pesetas das de antes.


O BNG opúxose a esta norma xa no seu debate parlamentario porque non ten ningún sentido cobrar por algo sen ofrecer nada a cambio e tamén porque nos tempos que corren non é momento de cargar as familias con máis impostos. 

O PP anda dicindo por aí que a Xunta non vai cobrar pola auga, pero a lei publicada no DOG di que si se vai cobrar e a lei que está escrita vai á misa. Se é verdade que non van cobrar téñeno moi doado: que borren da normativa o asunto do canon e así quedaremos todos máis tranquilos. 

O bloque xa empezou a moverse contra este imposto abusivo e inxustificado e por iso se recolleron 14.000 sinaturas -500 delas só en San Sadurniño- nas que se lle esixe ao PP que dea marcha atrás nunha medida que pon de manifesto a voracidade recadatoria do Partido Popular á fronte da Xunta. 

19 mar 2011

21 candidatos comprometidos coa comarca

O BNG quixo  facer patente o seu compromiso con Ferrolterra este xoves cun manifesto “por unha política municipal vertebradora e transformadora”, nun texto que asinamos os 21 candidatos e candidatas ás alcaldías de concellos da comarca.
Tal e como se recolle neste manifesto, o BNG “aposta polo levantamento do veto á antiga Astano e a modificación do decreto do carbón, na liña de garantir a produción enerxética na factoría das Pontes e a defensa dos postos de traballo”.
O BNG aposta polos concellos como factores dinamizadores da economía e isto implica “unha defensa dos sectores produtivos, do pequeno comercio, así como por unha política de fomento do turismo asociado ás potencialidades patrimoniais”. Tamén se recolle neste manifesto, “a necesidade da vía de Alta Capacidade como unha premia básica para garantir o desenvolvemento socioeconómico das comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e a Mariña”.
Os concellos como dinamizadores
Nesta situación, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, indicou que “os concellos poden e deben ser axentes activos fronte ao paro e a precariedade” e advertiu de que “as outras forzas políticas van dicir o mesmo ca nós pero a pregunta que nos temos que facer é se é críbel que as forzas políticas gobernantes en Galiza e en Madrid e causantes desta situación vaian facer unha política diferente ou contraria á que están practicando”.
“Non o van facer”, advertiu o líder do BNG, “actuarán como sucursais” e insistiu na importancia de pensar o que pode facer o PP nos concellos “cando ten un señor presidente da Xunta que di que non pode facer nada fronte ao paro e que nada fai por resolver os problemas dos galegos e galegas. Non van facer nada diferente nos concellos, digan o que digan en campaña electoral”, concluiu.
“Nós sabemos que coa forza da xente hai futuro”, asegurou Guillerme “e esa forza ímosllela pedir humildemente a todos os cidadáns e cidadás de Ferrolterra para poder seguir transformando positivamente a realidade dos nosos concellos”.
Tal e como reiterou o líder nacionalista, o BNG presenta a estas eleccións homes e mulleres “con experiencia política, con traballo contrastado e con proxecto e futuro, persoas que teñen na súa cabeza o proxecto para o seu concello e saben como levalo adiante”.
“Son candidatos e candidatas con vontade de gobernar e con posibilidade de facelo”, continuou Guillerme, ao tempo que asegurou que “estamos seguros de que os cidadáns e cidadás aprecian o labor do BNG, tanto no goberno como na oposición dos concellos”.