Non teño outra maneira de titular esta entrada do meu blog. Estou realmente sorprendido por termos xuntado tantos veciños e veciñas no acto de presentación da candidatura para as municipais. Aínda non estamos en campaña, pero si se alentan ventos electorais. Mentres PSOE e PP aínda andan a voltas coa configuración das súas candidaturas, nós xa hai semanas que a fixemos pública e este 23 de marzo convertémola en oficial.
Alguén da oposición dixo non hai moito nun lugar público que xa tiñan a lista feita... Acto seguido convidou a unha das alí presentes a formar parte dela. Insistiu e insistiu e, ao final, levou un rotundo non por resposta. Supoño que será un problema de cumprir coa paridade. Os partidos tradicionalmente "de homes" agora non conseguen facer listas como é debido, é dicir, listas paritarias coma as do BNG na que mulleres e homes están en igualdade de condicións.
Este ano ao BNG foille moi doado reunir unha equipa que, como dixo Sandra Arnosa na presentación, mestura experiencia e xuventude. Vese que o traballo ben feito nos últimos catro anos lle dá impulso á xente para integrarse no noso proxecto. Un proxecto que vai máis aló das persoas que integran a candidatura. Un proxecto de compromiso con San Sadurniño.
Para o acto da presentación preparei unhas letras que me servisen de guía durante a miña intervención. Quería falar da da democratización da vida política neste municipio, do avance dado en materia de servizos e infraestruturas, da importancia da participación cidadá nas decisións municipais, das medidas de aforro enerxético, ou do feito de que San Sadurniño sexa -segundo a FEGAMP- o concello de Galiza que máis destina a servizos sociais en termos porcentuais do seu orzamento. Este ano 2011, o 15% das contas municipais irán parar a benestar social.
Tamén quería tirarlle das orellas á Xunta de Galiza porque aínda non urbanizou o Polígono Industrial segundo o acordado en 2007 e tamén porque aínda agardamos a construción dunha Escola Infantil nuns terreos que o Concello xa ten cedidos ao Consorcio e para a cal xa está redactado o proxecto.
Quería falar destas e doutras moitas cousas. Algunhas toqueinas, outras non. Xa se sabe como é o directo. Só quero agradecervos que onte a casa da cultura estivese chea.
No hay comentarios:
Publicar un comentario