A nova lei de augas aprobada en solitario polo PP está a dar que falar en toda Galiza por causa do canon que a Xunta nos quere impoñer. Teremos que pagar un novo imposto sen que a Xunta nos dea nada a cambio. A medida "popular" suporalle unha importante suba da factura aos veciños do casco urbano, xa que á factura municipal haberá que incorporarlle o canon da Xunta.
Poñamos un exemplo práctico collendo un caso real dunha vivenda de San Sadurniño na que viven catro persoas. Nesta casa consomen 75 m3 en catro meses. A factura é de 10,14 euros fixos máis 0,61 euros por metro cúbico. Total: 55,89 euros que cobra o Concello de taxa de subministración.
Pois ben, a eses 55,89 euros vai haber que sumarlle o canon imposto pola Xunta. Botemos contas: unha cuota fixa de 6 euros a maiores polos catro meses, máis 27 euros polo consumo, xa que nos cobrarían outros 0,36 euros por metro cúbico consumido. Total: 33 euros directamente para as arcas da Xunta que, por certo, non se encarga de manter a traída municipal. Así teríamos que a factura dos catro meses pasaría dos 55,89 euros aos 88,89. É dicir, se se mantivese ese consumo todo o ano, na casa do exemplo pagarían case 100 euros máis.
Estas contas tamén se poden botar no caso dun negocio. Por exemplo, un local hostaleiro de San Sadurniño que gaste 393 m3 no primeiro cuadrimestre do ano pagaría agora uns 250 euros. Co canon da Xunta vería aumentada a súa factura noutros 140 euros sen que a administración lle preste ningún servizo máis aló do que xa vén prestando o Concello. Ao final do ano os números non son unha broma: o canon súbelle a factura da auga 70.000 pesetas das de antes.
O BNG opúxose a esta norma xa no seu debate parlamentario porque non ten ningún sentido cobrar por algo sen ofrecer nada a cambio e tamén porque nos tempos que corren non é momento de cargar as familias con máis impostos.
O PP anda dicindo por aí que a Xunta non vai cobrar pola auga, pero a lei publicada no DOG di que si se vai cobrar e a lei que está escrita vai á misa. Se é verdade que non van cobrar téñeno moi doado: que borren da normativa o asunto do canon e así quedaremos todos máis tranquilos.
O bloque xa empezou a moverse contra este imposto abusivo e inxustificado e por iso se recolleron 14.000 sinaturas -500 delas só en San Sadurniño- nas que se lle esixe ao PP que dea marcha atrás nunha medida que pon de manifesto a voracidade recadatoria do Partido Popular á fronte da Xunta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario