25 may 2011

A ilusión continúa

Pica na imaxe para agrandala
Logo de tanta alegría nos últimos días, nin sequera tiven tempo de analisar pormenorizadamente os resultados obtidos polo BNG e polos outros partidos que concorrían ás eleccións no noso concello. Tampouco hai moita análise que facer: o PP pagou a renovación e a ausencia dun proxecto definido, o PSOE confiou de máis nas súas posibilidades logo de catro anos ocupando unha concellaría e, por último, un BNG que volve ser depositario da confianza da xente. Fomos a forza máis votada en todas as mesas agás nunha e obtendo en todas unha grande diferenza con respecto aos outros dous partidos.

Maioría absoluta. Sete concelleiros, dous máis que hai catro anos e case o dobre que PP e PSOE xuntos. En total obtivemos 1.282 votos, mentres que o PP recibiu o apoio de 600 electores e o PSOE o de 300. Son números, só iso. Indican o apoio maioritario a unha opción política e tamén nos din que 900 veciños e veciñas prefiren proxectos distintos ao do BNG.  Nos próximos catro anos queremos seguir traballando como até agora procurando ademais gañar a confianza de quen aínda ten prexuízos contra o nacionalismo ou de quen desconfía -a pesar do traballo feito- de que sexamos capaces de gobernar con eficiencia e eficacia un concello que é de todos.

Estamos en tempos difíciles e poden poñerse aínda máis feos. Tócanos gobernar nesa realidade sobrevida e tócanos tamén botarlle imaxinación para que San Sadurniño a note o menos posible. Fai falla que os 2.198 que votamos arrimemos o ombro nun proxecto común ao que tamén se deben sumar os 580 que quedaron na casa.

En calquera caso, grazas a todos e a todas por facer de San Sadurniño un sitio diferente e cun grande futuro.

20 may 2011

Adxudicadas obras por valor de 217.000 euros con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e ao Fondo de Compensación Ambiental

As obras prevén reforzar o abastecemento a Cornide

O Concello de San Sadurniño apobou en Xunta de Goberno Local a adxudicación de varias obras incluídas no POS provincial deste ano. Trátase de proxectos de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Naraío e Bardaos, cun investimento superior aos 118.000 euros. O órgano de goberno municipal tamén aprobou a contratación do reforzo da subministración de auga ao lugar de Cornide e a reestruturación do alumeado no fondo de Ferreira.

A Xunta de Goberno Local adxudicoulle a Begasucesga a execución dos traballos incluídos dentro do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano se centrarán no aglomerado da pista que une o Centro de Día coa ponte sobre o río Xubia. Estas obras aproveitaranse para soterrar unha segunda canalización de subministración de auga ao núcleo de Cornide, “de forma que se pecha un anel de tubaxes na zona e garántese un servizo máis fiable diante de posibles avarías ou cortes”, tal e como explicou o alcalde, Secundino García. As obras suporán un investimento de 66.000 euros.

Por outra banda, os fondos do POS destinaranse na súa maioría ao adecentamento de distintas vías do noso territorio, especialmente aquelas que comunican co concello da Capela. Desta maneira van investirse algo máis de 63.500  euros en asfaltar as estradas que van desde os núcleos do Castro e da Abelleira até os límites con este concello. Unha pequena partida resérvase para o arranxo dun tramo do camiño novo de Lourido, en Naraío, concretamente entre a Cernada e a volta do Peruqueiro. A empresa Excavaciones Saavedra y López foi a adxudicataria destes traballos que comezarán en breve.

No capítulo da mellora viaria municipal tamén se acolleu ao Plan de Obras e Servizos da Deputación un investimento de case 55.000 euros para o aglomerado da pista entre a Cruz da Raíña e a Bañoca, en Bardaos. Neste caso a empresa adxudicataria foi Proyectos Zenale.
O titular de obras, Pepe Gudín, sinalou que estes traballos “confirman o compromiso do BNG coa mellora das infraestruturas municipais”. O concelleiro e número 6 da candidatura nacionalista ás eleccións do próximo 22 de maio engadiu que “os feitos demostran que as críticas do PP son simples trapalladas, posto que o estado de conservación das principais vías do Concello é excepcional”. Gudín apunta que hai algúns tramos en pistas secundarias “pero importantes igualmente” nos que cómpre facer rebacheos e recuperar o firme “indo pouco a pouco e tendo claras cales son as actuacións prioritarias”.

Alumeado en Ferreira
A última das adxudicacións relacionadas co POS 2011 ocuparase do aforro enerxético e da mellora do alumeado público na parroquia de Ferreira. Trátase da unificación do sistema de alumeado público coa instalación de máis puntos de luz, de redutores de fluxo, a sustitución de cadros e cableado e a colocación dun único contador que controle os consumos conxuntos dos alumeados de Pontellas, a Camba, a Castiñeira, a Seara e a Vila.

Imos modernizar o alumeado para simplificar o seu mantemento e tamén para conseguir unha baixa na factura da luz que pode chegar ao 40 por cento”, explicou Pepe Gudín. Esta inciativa, na que se investirán algo máis de 33.000 euros, forma parte do programa de aforro enerxético emprendido polo goberno local hai xa dous anos, a través do que se está reciclando a práctica totalidade dos alumeados públicos municipais.

O Concello continúa coa posta en valor das zonas incluídas na Rede Natura 2000

Os cauces dos ríos Xubia e Castro teñen a cualificación de Lugar de Interese Comunitario polo seu alto valor ambiental. Ademais o Castro está incluído xunto co monte Forgoselo dentro da Rede Natura 2000. Un espazo de grande riqueza natural que, pouco a pouco, vai contando con máis equipamentos que permitan comprender a súa importancia.

Unha das últimas actuacións municipais busca dar a coñecer mellor a paisaxe e a natureza do val formado por este río ao seu paso por Igrexafeita e Naraío. Por esta razón acondicionáronse dúas áreas de descanso na parroquia de Igrexafeita, unha ao pé da rotonda da autovía e outra no lugar da Pena da Meda. A grandes trazos as obras consistiron na preparación de zonas con céspede, mesas e papeleiras que irán acompañadas de paneis explicativos sobre a flora, a fauna e as formacións xeolóxicas que se divisan desde ambos puntos.

As áreas de descanso do Camiño Grande e da Pena da Meda contan cun orzamento de 55.000 euros. A maior parte destes cartos investíronse na Pena da Meda xa que, segundo explica o concelleiro de Obras “houbo que facer importantes traballos de limpeza e de movemento de terras debido a que era unha zona moi degradada que mesmo se empregaba como vertedoiro incontrolado”. Pepe Gudín asegura que se lle deu “un cambio radical” a un espazo que agora posúe mesas, bancos, unha pasarela de madeira e unha canalización das augas da choiva que, co tempo, “se acabará integrando na área coma se fose un regato natural”.

Arranxo do camiño do Batán a Vilarbó
A outra grande actuación en relación coa posta en valor das ribeiras do Castro desenvólvese entre os lugares do Batán e Vilarbó, en Naraío. A pista que vai paralela ao río estase amañando cun firme de grava e area “para non facer unha intervención demasiado agresiva nun lugar onde o protagonista é o río e o bosque de ribeira e pola que pasan cada ano centos de sendeiristas”, afirma Gudín.

A obra está orzamentada en 18.000 euros e ten un alcance de algo máis dun quilómetro. Igual que as áreas de descanso de Igrexafeita, a reparación do camiño do Batán a Vilarbó financiouse con cargo ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental de 2010.

18 may 2011

Volvemos encher... pero desta vez, máis

Este Día das Letras Galegas celebramos o noso mitin central cunha participación que me deixou franca e gratamente sorprendido. Volvemos encher a casa da Cultura, aínda que desta vez ata case facela rebordar. Escollemos esta data por cuestións de axenda de Carlos Aymerich e, sobre todo, pola carga simbólica desta data. Dóenos que se ataque a nosa lingua, esa lingua que eu falo porque quero e porque me peta e porque foi a que mamei desde pequeno. Como seguramente a mamastes case todos vós que ledes estas letras.

Tamén me doe que o PP de San Sadurniño se empeñe en usar o castelán nos folletos electorais e nas megafonías cando a meirande parte dos seus candidatos son galegofalantes. Alá eles e elas e a súa estratexia lingüística en tempo electoral que -como veciño e non como candidato nin membro do BNG- me parece errada. Ler programas en castelán asinados por un home coma Plácido -que fala galego de sempre- paréceme pouco crible. En fin, son cousas que non alcanzo a entender.

Volvendo ao tema do mitin, quero agradecervos a todos e a todas as que viñesedes escoitar as propostas do BNG en contraposición cos programas dos outros partidos que concorren canda nós ás eleccións do domingo. Só tedes que comparar. O PSOE fai promesas irrealizables, como levar o saneamento a todas as parroquias cando o seu candidato sabe -ou debería saber- que un estudio municipal cifra en 16 millóns de euros o investimento necesario. Tamén promete destinar o Pazo da Marquesa, entre outros, a usos hostaleiros. O PSOE sabe -ou debería saber- que a acta de cesión do edificio obriga ao Concello a destinar o pazo a usos públicos e entre eles non se conta a hostalaría.

O PP tamén fai propostas interesantes, como a de recuperar a Festa da Familia. O churrasco para todos pagado con fondos municipais non é o que necesita San Sadurniño. San Sadurniño precisa xente ilusionada que faga un traballo digno, tal e como sinalou no mitin Carlos Aymerich. Un equipo serio que xa leva catro anos abrindo o concello ás persoas e que se quere comprometer de cara ao futuro. Por iso, tamén aproveito estas letras para, unha vez máis, pedirche que volvas confiar no BNG e no seu proxecto.

17 may 2011

Ao PP galego non lle saen as contas

La Voz de Galicia publicou o domingo a última sondaxe antes das eleccións. Os datos non lle son nada favorables ao PP. Parece que  presidencialismo estéril de Feijoo e a oposición pasiva de Rajoy non van render os réditos electorais agardados. 

O xornal xa demostrou noutras ocasións de que pé coxea e por iso creo que a enquisa estaba cociñada, é dicir, maquillada primeiro e interpretada despois para dúas cousas: que non se note  que o PP non está tan á alza como cre e, por outra banda, para tentar lanzar unha mensaxe que aguilloe os indecisos en tan só unha semana. 

Segundo os datos suavizados intencionadamente por La Voz, o PP non conseguiría a alcaldía en ningunha das sete grandes cidades de Galicia, a pesar que que o xornal se empeñe en poñer titulares desde a óptica dos intereses do PP, como no caso de Pontevedra "El PP a solo un concejal de la mayoría absoluta" cando o titular debera ser "El BNG sube dos concejales y se afianzaría en el gobierno municipal".

En fin, estamos afeitos a que a estas manobras da prensa coruñesa. Nunha cousa teñen razón: hai que moverse e ir votar o domingo. Quen estea indeciso e queira unha alternativa sólida, que vote polo BNG.




13 may 2011

O Concello axúdalle ao Naraío a restaurar o seu campo de fútbol

O Concello achegaralle 15.000 euros ao Naraío
Secundino García e Manuel Ángel Vigo -presidente da UDC Naraío- rubricaron recentemente o convenio mediante o que o Concello e a entidade deportiva se comprometen a colaborar na organización de actividades e na mellora das instalacións durante este ano 2011. O convenio suporalle ao Naraío unha achega económica de 15.000 euros que se destinarán a financiar parte da restauración do campo de xogo. A cambio, o Concello contará coo apoio técnico e coas instalacións do equipo naquelas iniciativas de tipo deportivo que leve a cabo.

A Unión Deportiva e Cultural Naraío é unha das entidades con máis traxectoria do eido asociativo de San Sadurniño. O ano que vén faranse os 40 anos da súa fundación e durante este tempo foi quen de manter case ininterrompidamente un equipo de fútbol nas competicións comarcais. Durante este tempo, o Naraío tamén foi capaz de ir mellorando as súas instalacións gracias á implicación veciñal e hoxe dispón dun recinto completamente equipado para usos deportivos, sociais e culturais.

Agora o Concello de San Sadurniño e esta histórica entidade acaban de asinar un convenio que pón sobre o papel o compromiso de colaboración entre as dúas partes de cara a fomentar o deporte con proxección de futuro.

O acordo recolle que a UDC Naraío porá a disposición do organismo municipal as súas instalacións e apoio técnico para a organización de actividades e xornadas desenvolvidas pola Concellaría de Deportes. Pola súa banda, o Concello axudará a financiar as obras restauración do terreo de xogo que se están levando a cabo e tamén correrá cos gastos do consumo eléctrico das instalacións.

A Unión Deportiva asumiu o compromiso de conservar correctamente o recinto, de racionalizar o gasto en enerxía e, ademais, continuará responsabilizándose das reparacións e do mantemento do complexo.

Deste xeito, o Concello achegará 15.000 euros en dúas veces: 7.500 logo da sinatura do convenio e outros 7.500 cando a entidade xustifique documentalmente o remate das obras. Na práctica, a axuda municipal cubrirá o 75% do custe dos traballos de levantamento do campo e instalación dun sistema de drenaxe que permita manter o terreo en perfectas condicións durante toda a temporada futbolística. Para cubrir o 25% restante do custo das obras, a UDC ten presentada unha solicitude de subvención á Deputación Provincial da Coruña.

O alcalde sinalou que a sinatura do convenio “supón un apoio decidido ao deporte asociativo ao tempo que se aumentan os equipamentos dos que o Concello pode dispoñer para levar a cabo actividades”. Secundino García engadiu que o acordo suscrito coa UDC Naraío “salda unha débeda histórica coa entidade e abre novas vías de cooperación en igualdade de condicións con outras organizacións deportivas, como o clube de fútbol San Sadurniño ou o Aldebarán de voleibol, que en conxunto recibirán este ano 30.000 euros”.


9 may 2011

San Sadurniño xa ten números

O Concello recibiu máis de 1.200 solicitudes
do azulexo co novo logotipo
A numeración de todos os núcleos de poboación do concello foi un dos traballos máis complexos que se desenvolveron no noso concello nos últimos anos. Un traballo que agora está na súa última fase: a de que a xente luza ben á vista o seu flamante número. Desde primeiros deste mes e até o 1 de xuño, quen teña encargado o seu azulexo pode pasar recollelo no Concello polo prezo simbólico de un euro. En total houbo 1.200 solicitudes e nestes días estanse rexistrando máis peticións, o que fai prever que esta cifra aumente considerablemente. E é que ninguén quere quedar sen esta placa cerámica que, ademais de numerar, nos identifica un pouco máis como territorio.

O proceso de numeración é o cabo dunha iniciativa do goberno do BNG que comezou coa sinalización de todos os lugares de San Sadurniño. Tiñamos 100 quilómetros cadrados de territorio e 191 núcleos con moitos indicadores de dirección e moi poucos de situación. Hoxe calquera sabe onde está en cada momento porque hai cartaces á entrada e á saída de cada núcleo e planos de situación en todos os accesos ao concello. “En San Sadurniño case non hai maneira de perderse”, asegura Secundino García.


Unha vez que os núcleos estiveron identificados e cun nome normalizado pola Universidade de Santiago, só faltaba por darlle número ás casas. Unha idea simple -e unha obriga- á que ningunha corporación anterior lle dera resposta malia as reiteradas queixas veciñais polos problemas que causaba no reparto postal.


O labor de campo atopou que en San Sadurniño hai 1.954 edificacións entre as vivendas que están habitadas, as deshabitadas ou en ruínas e os edificios municipais. Os datos recopilados serviron para xeoreferenciar cada construción e para actualizar a cartografía municipal. E tamén para darlle a cada casa un número que se lle comunicou a todos os propietarios dos que se tiña constancia catastral.


A partir de aí a cousa xa foi máis doada. O goberno local lanzou unha campaña para facer unha compra conxunta de azulexos que foi un éxito absoluto, posto que se recibiron 1.200 solicitudes. Quen encargase unha destas placas pode retirala no Concello desde primeiros de maio e polo prezo máis que asequible de 1€. Desde aquela cada vez son máis as casas que locen o seu azulexo co ansiado número.


O alcalde, destacou que o azulexo “ten un deseño moi atractivo no que se inclúe o carballo de sete follas. Á xente gústalle como queda unha vez posto, algo que deixa ben claro que o logotipo municipal está aceptado, que os veciños e veciñas se identifican con el e que o PP non tivo éxito tentando polemizar sobre este tema”. Ademais, Secundino García tamén puxo de manifesto que o azulexo e a sinalización “contribúen a fortalecer a identidade que temos como territorio”.

Pola súa banda, o concelleiro responsable de Desenvolvemento Rural, Manolo Varela, apuntou que agora “será necesario que os veciños modifiquen o seu enderezo nos documentos oficiais incorporándolle os datos actualizados de lugar e número e que llos comuniquen ás entidades como os bancos ou a empresa da luz... mesmo a calquera persoa coa que manteñan unha relación postal”.

6 may 2011

Empeza a campaña electoral


Puntuais coma reloxos. Así estivemos hoxe ás 00:00 h. ao pé do Pazo da Marquesa para iniciar a campaña electoral coa tradicional pegada de cartaces.

O mesmo fixo o PP, con quen cadramos e mesmo compartimos cola nun encontro no que, entre risas e bromas, se alentaba unha certa tensión contida coas miras postas en quen sacará máis votos o día 22 de maio.

Quedan xa poucos días. Menos dos que nos parecen e agora si, podemos lanzar a nosa mensaxe de que en San Sadurniño e en Galiza hai futuro. Abonda con depositar a confianza en quen traballou a reo nos últimos catro anos para converter o noso concello nun lugar de referenza en toda a comarca.

O 22 de maio hai que votar por Secundino García, hai que votar polo BNG, hai que votar por San Sadurniño.

3 may 2011

Atentos a La Sexta

O programa emitirase o próximo 19 de maio
A fin de semana pasada foi moi axetreada. Andamos cos preparativos da campaña electoral e ultimando proxectos deste mandato que remata. Con todo, hai tempo para todo. Entre outras cousas para pasar un domingo fantástico con Tellado e con dous mediáticos persoeiros que estiveron con el durante a fin de semana: Andreu Buenafuente e Berto Romero.

Fiel á súa promesa de achegarse a Igrexafeita, Buenafuente e o seu equipo presentáronse en Bouzamaior para compartir o estilo de vida de Alfonso agora que está retirado. Xunto co presentador viñeron outras trece persoas entre guionistas e técnicos da produtora El Terrat que a estas horas xa deben andar compoñendo todo o material gráfico que gravaron en San Sadurniño.

O resultado poderemos velo o próximo 19 de maio no programa que emitirá La Sexta 2 a iso das 22'30 e La Sexta ás 00'30 h. Así que... todas e todos atentos!.