O Concello achegaralle 15.000 euros ao Naraío |
Secundino García e Manuel Ángel Vigo -presidente da UDC Naraío- rubricaron recentemente o convenio mediante o que o Concello e a entidade deportiva se comprometen a colaborar na organización de actividades e na mellora das instalacións durante este ano 2011. O convenio suporalle ao Naraío unha achega económica de 15.000 euros que se destinarán a financiar parte da restauración do campo de xogo. A cambio, o Concello contará coo apoio técnico e coas instalacións do equipo naquelas iniciativas de tipo deportivo que leve a cabo.
A Unión Deportiva e Cultural Naraío é unha das entidades con máis traxectoria do eido asociativo de San Sadurniño. O ano que vén faranse os 40 anos da súa fundación e durante este tempo foi quen de manter case ininterrompidamente un equipo de fútbol nas competicións comarcais. Durante este tempo, o Naraío tamén foi capaz de ir mellorando as súas instalacións gracias á implicación veciñal e hoxe dispón dun recinto completamente equipado para usos deportivos, sociais e culturais.
Agora o Concello de San Sadurniño e esta histórica entidade acaban de asinar un convenio que pón sobre o papel o compromiso de colaboración entre as dúas partes de cara a fomentar o deporte con proxección de futuro.
O acordo recolle que a UDC Naraío porá a disposición do organismo municipal as súas instalacións e apoio técnico para a organización de actividades e xornadas desenvolvidas pola Concellaría de Deportes. Pola súa banda, o Concello axudará a financiar as obras restauración do terreo de xogo que se están levando a cabo e tamén correrá cos gastos do consumo eléctrico das instalacións.
A Unión Deportiva asumiu o compromiso de conservar correctamente o recinto, de racionalizar o gasto en enerxía e, ademais, continuará responsabilizándose das reparacións e do mantemento do complexo.
Deste xeito, o Concello achegará 15.000 euros en dúas veces: 7.500 logo da sinatura do convenio e outros 7.500 cando a entidade xustifique documentalmente o remate das obras. Na práctica, a axuda municipal cubrirá o 75% do custe dos traballos de levantamento do campo e instalación dun sistema de drenaxe que permita manter o terreo en perfectas condicións durante toda a temporada futbolística. Para cubrir o 25% restante do custo das obras, a UDC ten presentada unha solicitude de subvención á Deputación Provincial da Coruña.
O alcalde sinalou que a sinatura do convenio “supón un apoio decidido ao deporte asociativo ao tempo que se aumentan os equipamentos dos que o Concello pode dispoñer para levar a cabo actividades”. Secundino García engadiu que o acordo suscrito coa UDC Naraío “salda unha débeda histórica coa entidade e abre novas vías de cooperación en igualdade de condicións con outras organizacións deportivas, como o clube de fútbol San Sadurniño ou o Aldebarán de voleibol, que en conxunto recibirán este ano 30.000 euros”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario