20 may 2011

O Concello continúa coa posta en valor das zonas incluídas na Rede Natura 2000

Os cauces dos ríos Xubia e Castro teñen a cualificación de Lugar de Interese Comunitario polo seu alto valor ambiental. Ademais o Castro está incluído xunto co monte Forgoselo dentro da Rede Natura 2000. Un espazo de grande riqueza natural que, pouco a pouco, vai contando con máis equipamentos que permitan comprender a súa importancia.

Unha das últimas actuacións municipais busca dar a coñecer mellor a paisaxe e a natureza do val formado por este río ao seu paso por Igrexafeita e Naraío. Por esta razón acondicionáronse dúas áreas de descanso na parroquia de Igrexafeita, unha ao pé da rotonda da autovía e outra no lugar da Pena da Meda. A grandes trazos as obras consistiron na preparación de zonas con céspede, mesas e papeleiras que irán acompañadas de paneis explicativos sobre a flora, a fauna e as formacións xeolóxicas que se divisan desde ambos puntos.

As áreas de descanso do Camiño Grande e da Pena da Meda contan cun orzamento de 55.000 euros. A maior parte destes cartos investíronse na Pena da Meda xa que, segundo explica o concelleiro de Obras “houbo que facer importantes traballos de limpeza e de movemento de terras debido a que era unha zona moi degradada que mesmo se empregaba como vertedoiro incontrolado”. Pepe Gudín asegura que se lle deu “un cambio radical” a un espazo que agora posúe mesas, bancos, unha pasarela de madeira e unha canalización das augas da choiva que, co tempo, “se acabará integrando na área coma se fose un regato natural”.

Arranxo do camiño do Batán a Vilarbó
A outra grande actuación en relación coa posta en valor das ribeiras do Castro desenvólvese entre os lugares do Batán e Vilarbó, en Naraío. A pista que vai paralela ao río estase amañando cun firme de grava e area “para non facer unha intervención demasiado agresiva nun lugar onde o protagonista é o río e o bosque de ribeira e pola que pasan cada ano centos de sendeiristas”, afirma Gudín.

A obra está orzamentada en 18.000 euros e ten un alcance de algo máis dun quilómetro. Igual que as áreas de descanso de Igrexafeita, a reparación do camiño do Batán a Vilarbó financiouse con cargo ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental de 2010.

No hay comentarios:

Publicar un comentario