Tamén me doe que o PP de San Sadurniño se empeñe en usar o castelán nos folletos electorais e nas megafonías cando a meirande parte dos seus candidatos son galegofalantes. Alá eles e elas e a súa estratexia lingüística en tempo electoral que -como veciño e non como candidato nin membro do BNG- me parece errada. Ler programas en castelán asinados por un home coma Plácido -que fala galego de sempre- paréceme pouco crible. En fin, son cousas que non alcanzo a entender.
Volvendo ao tema do mitin, quero agradecervos a todos e a todas as que viñesedes escoitar as propostas do BNG en contraposición cos programas dos outros partidos que concorren canda nós ás eleccións do domingo. Só tedes que comparar. O PSOE fai promesas irrealizables, como levar o saneamento a todas as parroquias cando o seu candidato sabe -ou debería saber- que un estudio municipal cifra en 16 millóns de euros o investimento necesario. Tamén promete destinar o Pazo da Marquesa, entre outros, a usos hostaleiros. O PSOE sabe -ou debería saber- que a acta de cesión do edificio obriga ao Concello a destinar o pazo a usos públicos e entre eles non se conta a hostalaría.
O PP tamén fai propostas interesantes, como a de recuperar a Festa da Familia. O churrasco para todos pagado con fondos municipais non é o que necesita San Sadurniño. San Sadurniño precisa xente ilusionada que faga un traballo digno, tal e como sinalou no mitin Carlos Aymerich. Un equipo serio que xa leva catro anos abrindo o concello ás persoas e que se quere comprometer de cara ao futuro. Por iso, tamén aproveito estas letras para, unha vez máis, pedirche que volvas confiar no BNG e no seu proxecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario