9 may 2011

San Sadurniño xa ten números

O Concello recibiu máis de 1.200 solicitudes
do azulexo co novo logotipo
A numeración de todos os núcleos de poboación do concello foi un dos traballos máis complexos que se desenvolveron no noso concello nos últimos anos. Un traballo que agora está na súa última fase: a de que a xente luza ben á vista o seu flamante número. Desde primeiros deste mes e até o 1 de xuño, quen teña encargado o seu azulexo pode pasar recollelo no Concello polo prezo simbólico de un euro. En total houbo 1.200 solicitudes e nestes días estanse rexistrando máis peticións, o que fai prever que esta cifra aumente considerablemente. E é que ninguén quere quedar sen esta placa cerámica que, ademais de numerar, nos identifica un pouco máis como territorio.

O proceso de numeración é o cabo dunha iniciativa do goberno do BNG que comezou coa sinalización de todos os lugares de San Sadurniño. Tiñamos 100 quilómetros cadrados de territorio e 191 núcleos con moitos indicadores de dirección e moi poucos de situación. Hoxe calquera sabe onde está en cada momento porque hai cartaces á entrada e á saída de cada núcleo e planos de situación en todos os accesos ao concello. “En San Sadurniño case non hai maneira de perderse”, asegura Secundino García.


Unha vez que os núcleos estiveron identificados e cun nome normalizado pola Universidade de Santiago, só faltaba por darlle número ás casas. Unha idea simple -e unha obriga- á que ningunha corporación anterior lle dera resposta malia as reiteradas queixas veciñais polos problemas que causaba no reparto postal.


O labor de campo atopou que en San Sadurniño hai 1.954 edificacións entre as vivendas que están habitadas, as deshabitadas ou en ruínas e os edificios municipais. Os datos recopilados serviron para xeoreferenciar cada construción e para actualizar a cartografía municipal. E tamén para darlle a cada casa un número que se lle comunicou a todos os propietarios dos que se tiña constancia catastral.


A partir de aí a cousa xa foi máis doada. O goberno local lanzou unha campaña para facer unha compra conxunta de azulexos que foi un éxito absoluto, posto que se recibiron 1.200 solicitudes. Quen encargase unha destas placas pode retirala no Concello desde primeiros de maio e polo prezo máis que asequible de 1€. Desde aquela cada vez son máis as casas que locen o seu azulexo co ansiado número.


O alcalde, destacou que o azulexo “ten un deseño moi atractivo no que se inclúe o carballo de sete follas. Á xente gústalle como queda unha vez posto, algo que deixa ben claro que o logotipo municipal está aceptado, que os veciños e veciñas se identifican con el e que o PP non tivo éxito tentando polemizar sobre este tema”. Ademais, Secundino García tamén puxo de manifesto que o azulexo e a sinalización “contribúen a fortalecer a identidade que temos como territorio”.

Pola súa banda, o concelleiro responsable de Desenvolvemento Rural, Manolo Varela, apuntou que agora “será necesario que os veciños modifiquen o seu enderezo nos documentos oficiais incorporándolle os datos actualizados de lugar e número e que llos comuniquen ás entidades como os bancos ou a empresa da luz... mesmo a calquera persoa coa que manteñan unha relación postal”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario