20 may 2011

Adxudicadas obras por valor de 217.000 euros con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e ao Fondo de Compensación Ambiental

As obras prevén reforzar o abastecemento a Cornide

O Concello de San Sadurniño apobou en Xunta de Goberno Local a adxudicación de varias obras incluídas no POS provincial deste ano. Trátase de proxectos de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Naraío e Bardaos, cun investimento superior aos 118.000 euros. O órgano de goberno municipal tamén aprobou a contratación do reforzo da subministración de auga ao lugar de Cornide e a reestruturación do alumeado no fondo de Ferreira.

A Xunta de Goberno Local adxudicoulle a Begasucesga a execución dos traballos incluídos dentro do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano se centrarán no aglomerado da pista que une o Centro de Día coa ponte sobre o río Xubia. Estas obras aproveitaranse para soterrar unha segunda canalización de subministración de auga ao núcleo de Cornide, “de forma que se pecha un anel de tubaxes na zona e garántese un servizo máis fiable diante de posibles avarías ou cortes”, tal e como explicou o alcalde, Secundino García. As obras suporán un investimento de 66.000 euros.

Por outra banda, os fondos do POS destinaranse na súa maioría ao adecentamento de distintas vías do noso territorio, especialmente aquelas que comunican co concello da Capela. Desta maneira van investirse algo máis de 63.500  euros en asfaltar as estradas que van desde os núcleos do Castro e da Abelleira até os límites con este concello. Unha pequena partida resérvase para o arranxo dun tramo do camiño novo de Lourido, en Naraío, concretamente entre a Cernada e a volta do Peruqueiro. A empresa Excavaciones Saavedra y López foi a adxudicataria destes traballos que comezarán en breve.

No capítulo da mellora viaria municipal tamén se acolleu ao Plan de Obras e Servizos da Deputación un investimento de case 55.000 euros para o aglomerado da pista entre a Cruz da Raíña e a Bañoca, en Bardaos. Neste caso a empresa adxudicataria foi Proyectos Zenale.
O titular de obras, Pepe Gudín, sinalou que estes traballos “confirman o compromiso do BNG coa mellora das infraestruturas municipais”. O concelleiro e número 6 da candidatura nacionalista ás eleccións do próximo 22 de maio engadiu que “os feitos demostran que as críticas do PP son simples trapalladas, posto que o estado de conservación das principais vías do Concello é excepcional”. Gudín apunta que hai algúns tramos en pistas secundarias “pero importantes igualmente” nos que cómpre facer rebacheos e recuperar o firme “indo pouco a pouco e tendo claras cales son as actuacións prioritarias”.

Alumeado en Ferreira
A última das adxudicacións relacionadas co POS 2011 ocuparase do aforro enerxético e da mellora do alumeado público na parroquia de Ferreira. Trátase da unificación do sistema de alumeado público coa instalación de máis puntos de luz, de redutores de fluxo, a sustitución de cadros e cableado e a colocación dun único contador que controle os consumos conxuntos dos alumeados de Pontellas, a Camba, a Castiñeira, a Seara e a Vila.

Imos modernizar o alumeado para simplificar o seu mantemento e tamén para conseguir unha baixa na factura da luz que pode chegar ao 40 por cento”, explicou Pepe Gudín. Esta inciativa, na que se investirán algo máis de 33.000 euros, forma parte do programa de aforro enerxético emprendido polo goberno local hai xa dous anos, a través do que se está reciclando a práctica totalidade dos alumeados públicos municipais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario